CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosÚltima hora

Iván González estréase á fronte do CD Barco coa vitoria ante o Choco en Calabagueiros

Co 2-0 (goles de David Álvarez e Rodri Alonso) remataba o último partido no Barco da primeira fase da liga en terceira división

 

Intensidade, rozando ás veces a agresividade. É o adxectivo que mellor pode definir o partido disputado na tarde deste domingo 21 de marzo en Calabagueiros entre o CD Barco e o CD Choco. Un partido no que o míster local foi sen dúbida o gran protagonista. Polo menos en canto a expectativas, estando todas as olladas postas nel. E non defraudou.

Nove anos despois de dirixir ao CD Barco (foi porteiro dous anos e adestrador outros dous entre o 2011 e o 2013), Iván González regresaba a Calabagueiros para substituír no tramo final da liga a Monolo Pérez, adestrador do conxunto barquense durante as últimas dúas tempadas e media, que deixaba o club hai tan só unha semana tralos malos resultados encadeados polo Barco.

 

O once titular do Barco no partido ante o Choco.

 

Do carácter afable e tranquilo do técnico berciano o equipo do Barco pasou a outro moi temperamental, de carácter forte e provocador no terreo de xogo, que se estreaba á fronte do equipo no partido desta tarde. E facíao ao grande, cun encontro dinámico e intenso (con moitas queixas por parte do Choco) que levaba ao seu equipo a conseguir a tan necesaria vitoria. O primeiro gol da tarde chegaba no 24′ da man de David Álvarez de falta despois de varios intentos e, só uns minutos despois, o porteiro visitante impedía o segundo local, chegando ao descanso co 1-0 no marcador e o primeiro dos encontronazos entre varios xogadores no campo.

Tralo paso polo vestiario producíase o primeiro troco no conxunto barquense entrando Rodri Alonso por Óscar Martín, sendo precisamente Rodri quen sentenciaba o encontro co segundo gol local no minuto 68. Tamén no decurso da segunda metade do partido, Carlos Villar entraba por David Álvarez e Juanito Bazo por Vera. No último tramo do partido producíase un novo encontronazo no campo con varias tarxetas amarelas para o Barco, entre elas unha para o propio míster, e dúas expulsións (Villar para o Barco e Doval para o Choco).

 

Celebrando o gol de Rodri Alonso.

 

Con este resultado, a falta dun partido para o final da primeira fase da liga en terceira división (o vindeiro domingo o Barco viaxará ata O Porriño para enfrontarse á UD Atios), os rapaces de Iván González recuperan postos, situándose no oitavo posto, empatado a puntos co sétimo (Ourense CF) e a só un do sexto (Rápido de Bouzas), do quinto (Choco) e do cuarto (Estradense).

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button