EntrevistasÚltima hora

Iván Prieto: “É un orgullo para min que me encargaran o cartel do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán”

O artista barquense é o creador da imaxe da lámina sobre Florencio que o Periódico O Sil publica co número en papel do mes de novembro

Iván Prieto co cartel do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán.

 

Iván Prieto ten nas súas mans o poder de crear un mundo de personaxes entre a realidade e a caricatura, entre o simbolismo e o espectáculo, entre a mitoloxía e o mundano, entre a cor e a palidez; con personaxes que senten, padecen e transmiten sensacións moi reais. A obra deste artista natural do Barco de Valdeorras, céntrase nas imperfeccións e rarezas do ser humano na sociedade actual, transformándoas en criaturas surrealistas que rompen cos cánones de beleza, conseguindo un selo tan persoal que non deixa indiferente a ninguén, absorvendo en cada peza unha parte de si mesmo.

O artista, asentado en Galicia trala súa experiencia berlinesa, está agora centrado nunha serie de novas figuras que supoñen unha evolución do seu anterior traballo (máis centrado nas cabezas e bustos), de tal forma que os corpos adquiren sorprendentes formas orgánicas e xeométricas, abarcando unha visión múltiple a nivel formal nun universo artístico de acento surrealista.

A escultura centra a maior parte da obra deste creador aínda que non é a única expresión artística que traballa. De feito, foi a súa faceta como ilustrador a que levou ao proxecto As Letras de Florencio a encargarlle o deseño do cartel do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. “Para nós é importante misturar todas as artes polo que sempre traballamos co cinema, coa escultura, coas artes gráficas,… e desta volta fixémolo con Iván Prieto, un artista polifacético que xa participara hai anos nunha exposición en Córgomo no 2003 polo que non é novo o seu apoio a FDG e por suposto á candidatura”, aseguran dende o proxecto.

Trátase dun cartel realizado coa técnica do colage coa superposición do papel como soporte, “do mesmo xeito que o papel soporta á poesía”, en palabras do propio autor, que o Periódico O Sil publica na edición en papel do número de novembro en forma de lámina (cos textos finalistas do premio pola cara B). Sobre o cartel en cuestión falamos co propio Iván, adiantando outros proxectos que o artista ten en marcha.

 

Obra de Iván Prieto no Pazo dos Congresos de Versalles (París).

 

Cando che encargaron o cartel aínda non se sabía que o Día das Letras Galegas 2022 estará adicado a Florencio Delgado Gurriarán. ¿Que querías plasmar?

Apetecíame, por un lado utilizar a imaxe de Florencio (escollendo unha xa de adulto coas gafas) e facer unha especie de ilustración utilizando recortes de papel como soporte da escritura, porque me parecía interesante usar a técnica do colage. Por outro lado quería utilizar unha tipografía de imprenta para o texto integrado na figura, concretamente no pelo do propio Florencio. É un cartel moi traballado, coas letras a man de moitas cores e cada unha diferente. E por último quería integrar na imaxe un corazón anatómico para reflectir a universalidade da poesía que nace do corazón, con bastante protagonismo na imaxe. O cartel combina eses tres elementos.

¿Como recibiche a noticia do nomeamento de Florencio?

Foi unha sorpresa e tamén supón un orgullo para min ter participado dalgún xeito, que me tivesen encargado o cartel, porque quizais esa imaxe teña agora máis peso. Eu estou encantado. Tamén polo feito de ser da mesma comarca que o autor porque ninguén é profeta na súa terra, aínda que de cando en vez hai xente que se lembra de min para facer algunha cousa e dende logo mellor un valdeorrés que alguén de fóra para representar a figura de Florencio.

Viviche varios anos en Berlín, ¿onde estás actualmente e en que momento artístico te encontras?

Estiven en Barcelona un par de anos pero xusto antes da pandemia volvín para Galicia e quedei a vivir no concello de Teo, preto de Santiago. Con todo, sigo cos meus proxectos internacionais e manteño o contacto con Berlín, traballando coa galería Heike Arndt DK onde teño unha exposición que se inauguraba hai un mes. Hai un ano escaso fun tamén para outra exposición nesa mesma galería pero este ano xa non fun eu persoalmente. Tamén participei nunha exposición no Pazo de Congresos de Versalles e estou facendo cousas con diferentes galerías tamén a nivel nacional. Ademais hoxe estréase en Amazon Prime Historias para no dormir de Rodrigo Sorogoyen o remake da serie de Chicho Ibáñez Serrador, contando con esculturas miñas para un dos capítulos. Fixáronse máis no que son cabezas sobre todo con varias caras e bustos, porque o capítulo chámase El Doble. Parece que as esculturas teñen bastante protagonismo, a ver como sae.

 

Equillibristas de Iván Prieto na galería Moret Art da Coruña.

 

En Galicia hai poucas exposicións…

Bueno, en verán si que fixen unha na galería Moret Art da Coruña, e tamén traballo cunha de Lugo que se chama La Catedral onde vou tendo algunha peza, pero proxectos importantes de momento non saen. Cada vez vexo menos sitios onde expoñer.

¿Estás traballando nalgún proxecto creativo novo?

Como fixen tantas pezas, tanto para a exposición de Versalles como para a de Berlín agora estou máis centrado na exposición Art Madrid que será en febreiro na que participarei coa galería Moret Art da Coruña. Será con algunhas equilibristas da exposición Aequilibrium, figurines en cerámica coas que estiven traballando de forma paralela aos bustos e cabezas. É unha serie que foi evolucionando nos últimos anos no tema do corpo que cada vez é máis abstracto, intentando combinar formas xeométricas,… Aí sempre hai un mundo por explorar e segue sendo tipo figurín pero investigando máis na forma, é unha mestura entre abstracción e figuración. Noutros proxectos igual é figuración máis clara (bustos e cabezas, unha parte máis inquietante) pero neste caso é unha mestura de deseño e figura, quizais máis atractivo para o público, a parte máis amable da obra.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button