Roza xa a década e cada ano gana en asistencia. O vindeiro 19 de agosto terá lugar a novena edición da Convivencia nas Adegas de Oval (Rubiá) a partires das 20h. Tal como informan dende a organización, serán trece as adegas que abran as portas ao público e nas que, ademais do viño, se degusten abundantes pinchos (queixo, xamón, tortilla, empanada de diferentes tipos, lacón asado, pementos de Padrón, tomates, orella…).
“A idea é que haxa variedade”, explica Sergio, un dos membros da organización. Ademais quen aguante ata entrada a noite tamén se poderá degustar rosquillas e doces que cada ano reparten polas adegas.
O prezo da entrada mantense nos 10 euros e contarase co acompañamento musical do grupo Os Bertolini de Manzaneda ao longo do percorrido, e da discoteca móbil A Boa Festa dende as 23 horas e ata a madrugada, na praza.