EconomíaEconomíaÚltima hora

A IXP Pataca Galega e a Deputación estudan abrir liñas de colaboración económica

O Presidente da Deputación e o da IXP Pataca Galega mantiveron unha xuntanza onde trataron o tema así como a posibilidade de abrir unha nova cámara de conservación
Guillermo Budiño, Manuel Baltar e Ricardo Losada.

O Presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”, Guillermo Budiño, así como o secretario da mesma, Ricardo Losada, mantiveron unha xuntanza hoxe, 20 de setembro, no Pazo Provincial.

Nesta reunión, Manuel Baltar amosou a súa disposición para colaborar con este consello regulador, colectivo que atende o labor que se desenvolve no ámbito da pataca de Galicia, pero onde destaca Ourense como provincia con maior porcentaxe de produtores censados na Comunidade Autónoma, co 85%, seguido da Coruña, 11%, e Lugo, co 4%.

Dende a Deputación resaltan que, o presidente provincial explicou que, na liña de cooperación cos consellos reguladores das D.O. ourensás -Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra-, aos que a Deputación apoia economicamente para os gastos de xestión e funcionamento, a institución provincial vai estudar unha opción parecida de colaboración, tendo en conta as valoracións que desde o consello regulador se fixeron chegar ao presidente, Manuel Baltar. Entre os obxectivos de devandito apoio está o de “incrementar o número de produtores inscritos; seguir acreditados por ENAC cos correspondentes certificados de calidade, e aumentar as campañas de promoción e información”. Na reunión tamén se falou da posibilidade de contar por parte do consello regulador cunha nova cámara de conservación para mostras.

Manuel Baltar trasladoulle aos directivos o seu interese por realizar unha visita ao consello regulador, e confirmou que continuará a colaboración co Instituto do Campo -o centro de investigación da Deputación de Ourense situado en Xinzo de Limia-, desexando que o consello regulador da IXP “Pataca de Galicia” “siga desenvolvendo o seu labor e que repercuta no ben dunha comarca que, sen dúbida, no ámbito agrario é a máis importante de Galicia”, expresou o presidente da Deputación.

Artigos relacionados

Back to top button