PolíticaÚltima hora

Javier Rey, novo “precandidato” ás primarias do PSOE en Ourense

A súa será a terceira candidatura, xunto coa de José Ángel Barquero e a de Pachi Vázquez, que se pretende presentar neste proceso socialista na cidade
Javier Rey, no centro, na rolda de prensa convocada na mañá do 16 de outubro en Ourense.
Javier Rey, no centro, na rolda de prensa convocada na mañá do 16 de outubro en Ourense.

Tres serán, polo de agora, as persoas que pretenden optar a liderar a lista do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense de cara ás vindeiras eleccións municipais do 2015. Tras os anuncios de José Ángel Vázquez Barquero e Pachi Vázquez en setembro, agora Javier Rey vén de facer pública a súa intención de presentarse tamén ás primarias socialistas.

Na mañá do 16 de outubro, Rey, membro do grupo de militantes que impulsou a recollida de sinaturas para a celebración de primarias no PSdeG á alcaldía de Ourense, reunía aos medios de comunicación para presentar a súa “precandidatura”, acompañado por Roberto Ogando e José Rivera. Segundo aseguraba, trátase “de continuar en Ourense a xeira da renovación iniciada no socialismo galego e no socialismo español e, concretado recentemente a nivel programático, no código ético aprobado polo PSOE no foro federal sobre transparencia”.

Ante a esixencia de presentar 107 avais antes do 17 de novembro para que a precandidatura se concrete oficialmente nunha candidatura, Javier Rey, asegura ser consciente “das dificultades, pois, a día de hoxe nós non dispomos do censo dos militantes aos que nos diriximos, nin dos recursos de candidaturas apoiadas por relevantes cargos institucionais e orgánicos, e por iso queremos aproveitar este anuncio público para pedirlle aos compañeiros que se unan ao cambio, que nos axuden e que participen connosco, se queren, desde este mesmo sábado, ás 20 h, na sede do PSdeG, no que celebraremos unha xuntaza aberta do equipo de campaña”.

Javier Rey (Ourense, 1976), licenciado en Dereito e funcionario, é militante do PSdeG dende 1994. Ocupou a secretaría xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, a secretaría de organización das Xuventudes Socialistas de Galicia e a presidencia da Casa da Xuventude de Ourense. Na actualidade, ocupa a Secretaría de Formación na executiva provincial do PSdeG.

Artigos relacionados

Back to top button