CulturaCulturaÚltima hora

Javier Vecino fai un simbólico canto ao vínculo entre Valdeorras e O Bierzo

Presentaba o seu espectáculo de narración oral "O quinto ingrediente" no ciclo De Perto, no Barco

 

“Quizais 200 anos atrás empezou todo”. Deste xeito iniciaba o ponferradino Javier Vecino (Teatro Conde Gatón) a súa mirada ao que denominaba simbolicamente “O quinto ingrediente”, ese territorio conformado tempo atrás polo Bierzo e Valdeorras e ao que dedicaba o espectáculo que estreaba na tarde do 9 de xullo no ciclo “De Perto”, no Barco.

Plantexaba un viaxe polo vínculo entre Valdeorras e O Bierzo a través da palabra, salpicada de música, literatura e mesmo algún conto. Da palabra propia, pero tamén dos versos de Antonio Fernández Morales, de textos de Antonio Pereira ou de González Guerrero.

Un percorrido por aromas contados a través da vide, da godello e da mencía, de árbores froiteiras como os cereixóns e as mazairas “nun noroeste tan próximo”. Ademais, ese “quinto ingrediente”, dicía Vecino, soña e móvese entre lendas e mitos similares contados á luz do lume, nos que ten un particular protagonismo o demo, como a do “Demín de Paraxís”; e tamén está marcado polas súas xentes, polas que veñen e polas que se van, “entre maletas que choran polos andéns”.

En definitiva, unha coidada homenaxe de Vecino no Xardín da Casa Grande de Viloira a esa mestura de elementos que configuran un todo simbólico compartido entre dúas comarcas veciñas. Era unha “estrea absoluta”, un espectáculo creado para o IX Ciclo De Perto co gallo do bicentenario da Provincia do Vierzo (1822-1823), tal e como destacaba o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, ao presentar a actuación.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button