En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Jesús Rodríguez, campión da Copa España sprint de augas bravas

Ademais deste título, o Fluvial Barco conseguía outros dous podios en veteranos da man de Bernardo Sánchez e Fernando García, primeiro e segundo nesa categoría, respectivamente

Saldo moi positivo para o Fluvial Barco na primeira das tres probas nacionais de augas bravas que se están a disputar nesta fin de semana no río Sil. Na Copa España sprint individual, celebrada na tarde do sábado 7 de abril, os valdeorreses colleitaban ata tres medallas. O mellor resultado conseguíao Jesús Rodríguez, que vencía en K-1 senior, onde o seu compañeiro Sergio Ruiz quedábase ás portas do podio, cun cuarto posto.

Ademais, na categoría de K-1 veteranos impoñíase Bernardo Sánchez, mentres que Fernando García conseguía situarse en segunda posición. A única padexeira do Fluvial Barco na competición, Marta Paradelo, clasificábase sexta na categoría sénior K-1.

 

Outros resultados galegos destacados nesta regata española eran o terceiro posto sénior K-1 de Marcos González e o segundo de Manuel Freire en C-1 sénior (Fluvial Lugo), así como a segunda posición sénior de Andrés Saco e Nicolas Díaz do C.P. Quixós de Monforte e a segunda sénior feminina de Lucía Cabo en K-1.

A xornada do sábado concluía coa entrega de premios ás oito da tarde na sede do Club Fluvial Barco. Nela participaban o concelleiro de Deportes no Barco, Aurentino Alonso, o representante de Iberdrola Miguel Ángel López, e o presidente do club valdeorrés, Fernando García.

A competición de augas bravas continuará mañá domingo con outras dúas regatas. A primeira delas será a Copa España clásica individual, con saída dende as Cortes ás nove da mañá, estando a súa meta nas proximidades da desembocadura do regato Mariñán no Sil. Esta cita será ademais campionato galego nesa modalidade.

Despois, disputarase o Campionato de España por patrullas, tamén na modalidade clásica. Como punto de partida terá novamente As Cortes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-fluvial-barco-gana-o-campionato-de-espana-de-descenso-clasica-de-augas-bravas-por-patrullas/

Artigos relacionados

Back to top button