Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

Jesús Salgado repite como candidato socialista á alcaldía de Viana

O PSdeG-PSOE renova o 50% da súa candidatura nas vindeiras eleccións municipais neste concello
O xornalista Jesús Salgado voltará a presentarse como candidato á alcaldía de Viana polo PSdeG./ Foto: Carlos G. Hervella.
O xornalista Jesús Salgado voltará a presentarse como candidato á alcaldía de Viana polo PSdeG./ Foto: Carlos G. Hervella.

O xornalista e escritor Jesús Salgado, actual portavoz socialista en Viana, encabezará de novo a lista do PSdeG-PSOE neste concello nas eleccións municipais do 24 de maio. Será ademais unha candidatura renovada nun 50% e cunha media de idade de 40 anos.

Unha das novidades é o número 2, Beni Basalo Afonso, de 25 anos e a punto de completar os seus estudos de graduado en Traballo Social pola UNED en Lugo. Como número 3 vai o empresario agrícola Santiago Barja, que xa ten formado parte da lista socialista en anteriores comicios. A continuación, nos postos do cuatro ao once están Ainoha Aguin Fernández, María Couso Domínguez, Benjamín Carballo Couso, África Marín, Celia Domínguez, Marcial Fernández, José Páez e Inmaculada Manzano.

Ademais de dar a coñecer a súa candidatura, o PSdeG-PSOE vianés tamén adiantaba o 20 de abril o programa marco co que se presentará ás eleccións, titulado “A Viana que queremos”. A súa principal pretensión é fixar a poboación ao territorio e mellorar a vida dos vianeses. “Para elo entendemos que é preciso compatibilizar industria, en todas as súas vertentes, turismo e acción social como principais actividades que nos permitan un desenvolvemento equilibrado e que á vez acabe coa desertización humana que sufrimos no noso territorio”, segundo Salgado.

Entre os obxectivos concretos que os socialistas vianeses se marcan están a habilitación de terreo para a instalación dunha Plataforma Loxística no municipio para “aproveitar as sinerxias da futura estación de Alta Velocidade na Gudiña e a creación da Área Náutico-deportiva en Augas Mansas (As Telleiras), que nos permita o aproveitamento integral do encoro do Vao como atractivo turístico”.

Artigos relacionados

Back to top button