En portadaEntrevistasÚltima hora

Jorge Álvarez, estilista e modisto: “Faime moita ilusión vestir á coordinadora da Pasarela O Barco de Moda”

Diana Ortiz lucirá este venres un espectacular deseño deste xove creador vianés

Jorge Álvarez na praza de Viana do Bolo. /Foto cedida.

 

Comezou como modelo hai case dez anos, desfilando entre outros para José Matteos, pero a Jorge Álvarez, xa lle gustaba o mundo da moda dende pequeniño, tanto no ámbito da estética como no da pasarela e o téxtil. “Sempre me gustou coser porque miña nai facíao e gustábame vela así que esta parte un pouco venme de familia”, di. E agora, pouco a pouco, sen presa pero con paso firme, estase facendo un oco no mundo do deseño. Á parte das súas facetas como perruqueiro, estilista e modelo, este xove vianés leva un tempo adentrándose neste sector, presentándose e ganando, os mellores concursos de Galicia, con propostas transgresoras que non deixan indiferente a ninguén.

Sempre innovando e sorprendendo ao público, Jorge ten organizado os seus propios desfiles en Viana do Bolo, só ou con colaboracións, amosando aos seus veciños as súas creacións. O último tiña lugar a comezos de agosto no barrio vianés do Toural para presentar a súa última colección Metamorfosis coa que ganou o Midnight Fashion Show 2019 organizado polo Balneario de Mondariz, e este venres será o convidado que poña o broche á Pasarela O Barco de Moda organizada polo Centro Comercial Aberto O Barco, que se celebrará ás 21h.

¿Cando decides apostar pola túa faceta como modisto e deseñador?

Foi a raíz da Mostra do Encaixe de Camariñas hai tres anos. Non sabía case nada do tema de costura pero decidín probar e aproveitei a ocasión para ir a clases cunha modista de Viana coa que sigo aprendendo. Ese ano cheguei á final do concurso e para o ano seguinte eu xa vira o que gustaba no certame e creei a miña segunda colección Royalty que foi coa que ganei o concurso.

Aí descubriche un pouco o teu estilo.

Pois si. Vin que o meu era o barroco, o mundo da ornamentación (pedrería, plumas,…). Engadir complementos á roupa. A min non me gusta o de “menos é mais”, para min “máis é máis”. Intenteino pero non son capaz de facer unha prenda minimalista nin de liñas rectas. Si me gusta o corte clásico, de feito confecciono a roupa ao método tradicional co patrón, pero teño que engadirlle algo moderno. A prenda de costura de toda a vida pero co meu toque persoal que é o que rompe, facendo prendas que despois de poidan poñer, aínda que no desfile non o pareza, por exemplo a unha saia deseñada por min méteslle unha camiseta básica e consegues un look moi poñible.

 

O vianés Jorge Álvarez tamén é modelo. /Foto cedida.

 

¿Presentácheste a máis concursos?

Siii. De feito levo unha racha bastante mala, no sentido de ter enviado o curriculum e os bocetos a moitos concursos que non me aceptaron, algo que tamén está ben porque non cho van aceptar en todos, pero non me apetecía presentarme ao de Mondariz, a verdade. Ao final animáronme e despois de ganar o de Camariñas queria conseguir un premio e resulta que só había un e foi para min, cunha colección transxénero que é algo que me gusta (vestir aos mozos con prendas femininas), porque é algo co que a xente se vai quedar, polo menos visualmente. Se presentas unha colección a un concurso no que hai vinte deseñadores coas súas correspondentes coleccións, ao final xa non te quedas con ningunha a non ser que te chamara moito a atención e ao vestir aos mozos de mozas o que consegues é precisamente destacar e iso é o que busco eu, algo que sexa distinto. Son un pouco como Palomo Spain nese sentido.

Es perruqueiro e estilista, de feito vaiche ben co centro de estética en Viana pero entendo que vas seguir co tema do deseño.

Si, aínda que neste momento estou nun punto que non sei moi ben que facer porque acabaron os concursos desta tempada. Así que estou esperando a ver se sae algo máis, e preparándome para o ano que vén presentar a candidatura a premios nacionais e demais.

¿Que proxectos tes a curto prazo?

Falaron comigo dende o Concello porque teño en mente organizar unha exposición cos meus deseños. É algo distinto e así a xente pode aprezar máis de cerca as prendas, os acabados,… e valorar o traballo que hai detrás.

Ti xa levas organizados varios desfiles en Viana con creacións propias e tamén de tendas. ¿Que opinas da iniciativa do Centro Comercial Aberto O Barco de organizar a Pasarela O Barco de Moda?

Paréceme ben porque hai que darlle visibilidade aos pequenos comercios que son os fan os pobos. Eu teño unha perruquería e sei o que é necesitar que a xente se quede aquí e non vaia aos grandes centros comerciais. Os pequenos negocios teñen que vivir e unha pasarela é a forma de chamar a atención e mostrar os seus produtos e como quedan na xente. Creo que é unha boa iniciativa e deberían facelo en máis sitios.

 

Jorge cos modelos da súa colección Royalty. /Foto cedida.

 

Ata o punto de que este ano Jorge de Álvarez Desing tamén vai estar presente. ¿De que forma vas colaborar coa Pasarela do Barco?

Vou vestir á coordinadora, Diana Ortiz. Propuxéronmo e fíxome moita ilusión así que lles dixen que lles botaba unha man no que pudera e iso é o que podía facer porque ao día seguinte teño traballo e non podía comprometerme a máis cousas, pero como tamén vou estar como convidado, faime ilusión.

E ¿que vai levar Diana Ortiz?

O certo é que está espectacular con calquera modelo pero hai un que me gustou especialmente, que resulta máis atractivo e chama máis a atención. Quedáballe como un guante e ela tamén se sente a gusto con el. Ademais levouno a presentadora Tania Fuegho no Luar hai un ano… É un dúas pezas con pedrería e plumas nos ombros e unha falda cun corte bastante pronunciado na perna en tons negros e prata. Diana é unha rapaza que chama a atención xa de por si e se lle pos un modelo así o que fai é deslumbrar que é o que pretendo. De feito para o meu próximo desfile gustaríame contar con ela.

Para Diana será o primeiro desfile dende a organización e ti xa levas varios aínda que sexa a outro nivel, ¿que consello lle darías?

Despois de tantos anos desfilando non lle fai falta ningún consello porque ao fin e a cabo ela mesma o irá vendo, pero si lle diría que non se agobie e sexa ela mesma. Que se centre no que a ela lle guste e que non teña en conta as opinións porque se te guias polo gusto dos demais nunca fas nada. Polo menos iso é o que fago eu, porque as opinións pódente favorecer pero eu ao final sempre me guio polo meu instinto.

 

Artigos relacionados

Back to top button