EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Jorge Álvarez, finalista no XXIV Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas

O estilista e modelo vianés participou con catro deseños da colección Primary Colors

Modelo, estilista, perruqueiro e agora, tamén deseñador. A mente e as mans do vianés Jorge Álvarez non paran e, engaiolado polo deslumbrante e amplo mundo da moda, foi un dos finalistas de toda España, o único da provincia de Ourense, do XXIV Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas 2017.

A final tiña lugar entre o 11 e o 16 de abril con desfiles, cada día, nos que Jorge presentou catro modelos “da colección Primary Colors, inspirados na arte, nas batas brancas dos pintores, nas paletas,… incluíndo un cadro facendo encaixe de bolillos que gustou moito”, explica o propio deseñador, que xa no momento en que foi seleccionado amosouse sorprendido. “A min sempre me gustou este mundo, pero presenteime porque me animaron os meus amigos, nunca pensei que me foran coller”, aseguraba ilusionado e satisfeito co que está conseguindo “estame gustando, a verdade”.

Ao final non ganou (o seu premio foi un diploma de finalista e unha botella de viño), pero despois dunha intensa semana na localidade coruñesa, regresaba a Viana do Bolo cunha gran experiencia vivida na que pudo coñecer deseñadores de renome como Modesto Lomba. “Estivo moi ben e houbo moito compañeirismo, ademais animáronme a que ampliase e desenvolvera máis esta colección porque tiña moito potencial para presentar noutros desfiles”, conclúe Jorge abrindo así un novo e prometedor camiño profesional.

 

Este deseño de Jorge Álvarez chamou moito a atención do xurado.

 

Outro dos deseños presentados por Jorge na Mostra do Encaixe de Camariñas.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button