CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Jorge Álvarez: “Pensaba que meu soño era vestir ás representantes de Eurovisión, pero dinme conta de que o soño era vestir a Tanxugueiras”

O modisto vianés é o creador do vestiario co que o grupo galego competiu no Benidorm Fest para representar a España en Eurovisión

 

Non gañaron e non representarán a España en Eurovisión, pero a repercusión mediática e a reacción de practicamente toda España, fixeron de Tanxugueiras as verdadeiras gañadoras do I Benidorm Fest.

Na noite do sábado 29 de xaneiro toda España estaba pendente da televisón e os seguidores do grupo galego, vibraron coa súa actuación final. Perfilaban a xa de por si boa actuación da semifinal e “clavaron” unha posta en escena con aturuxo incluído que puxo os pelos de punta. Así e todo, igual que ocorrera na primeira actuación o xurado xa tiña unha gañadora, Chanel, dando ao tema Terra a mínima puntuación co correspondente torrente de críticas que aínda se escoitan e len, dous días despois. Non así o resto dos votantes e tanto o voto do público como o demoscópico dábanlle a máxima puntuación a unha sobervia actuación que apostou pola pluralidade cultural.

 

Tanxugueiras co estilismo de Jorge De Álvarez para o Benidorm Fest.

 

Ao final Tanxugueiras quedou no terceiro lugar, pero tanto Olaia como Sabela e Aída, poñían o broche a unha intensa semana de traballo no que se rodearon dun equipo humano que traballou arreo para que todo saise tal como saíu, perfecto. E formando parte dese equipo estaba Jorge Álvarez García, o estilista e modisto de Viana do Bolo que conquistou á cantareiras e todo o público co seu estilismo. Un vestiario ideado, patronado, cortado e cosido por el mesmo, prendas coa esencia do traxe tradicional galego pero adaptado á actualidade, en tons negros e con bordados ao aire, esencia do traxe típico de gala, en combinación coa maquillaxe realizada por Miguel Bling, onde resaltaba o dourado dos complementos e do cabelo (decorado con pan dourado).

Para Jorge, este proxecto foi un soño feiro realidade. “Pensaba que meu soño era vestir ás representantes de Eurovisión, pero dinme de conta de que o soño era vestir a Tanxugueiras”, asegura trala noite máxica que pasou en Benidorm. Asegura que esta semana viviu unha experiencia única, na que sentiu un cúmulo de sensacións. “Acabei chorando de emoción, de alegría, dos nervios de todos eses días, de impotencia pola decisión do xurado, pero sobre todo de ilusión por velas espectaculares sobre o escenario, eran divas galegas, quedou todo tan ben que non teño palabras para describilo”, conta o modisto, recoñecendo que se sentiu moi ben pola boa acollida que tivo a súa proposta. “Trala final fixemos foliada con licor café incluído e medio Benidorm quería levar o estilismo das Tanxugueiras, foi brutal”, di recoñecendo que se sentiu gratamente sorprendido polo compañeirismo entre todos os concursantes que acabaron bailando e cantando con eles.

 

Jorge Álvarez vestido para a final do Benidorm Fest.

 

Así e todo, na tranquilidade do hotel, preto xa de casa, Jorge recoñece que está “emocionado, ilusionado e tamén cansado” porque foi unha semana de moito traballo por parte de todo o equipo, asegurando que o mellor, con diferenza, foi compartir o proxecto con Sabela, Aída e Olaia. “A parte de como artistas que son brutais e su son súper fan seu, son excelentes persoas, humildes e traballadoras, namoráronme, e espero que este sexa o principio de algo moito mellor”, di. Non foi o Benidorm Fest pero polo de pronto, Jorge fixo realidade un soño e gañou tres amigas coas que pode que moi pronto sorprenda con algún outro proxecto.

Fotos: Rocío Cibes e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button