EconomíaEconomíaÚltima hora

Jorge Álvarez representará a Galicia na XXXV edición dos Premios Nacionais á Moda para Xoves Deseñadores

O estilista e deseñador vianés presentou a colección "Uhuru (Libertad)" inspirada no filme "Memorias de África"

Este xove creador vianés quedou ás portas do concurso televisivo “Maestros de la Costura” 2017.

 

Non para de recibir boas novas. Un día despois de que o seu sobriño Carlos Betrán se proclamase campión de España sub 20 en salto de lonxitude, o estilista e deseñador vianés Jorge Álvarez recibía a confirmación de que o seu proxecto foi seleccionado para representar a Galicia na XXXV edición dos Premios Nacionais á Moda para Xoves Deseñadores, organizado por Ande (Asociación de nuevos y jóvenes diseñadores) e ao que concorren xoves creadores de todas as comunidades.

“Estou moi contento porque é un concurso ao que lle tiña moitas ganas por ser a nivel nacional. Xa me presentara outra vez e nada e este ano decidín apostalo todo por el e por fin tiven a oportunidade”, conta Jorge, que xa leva ganado varios certames a nivel galego. O primeiro na Mostra do Encaixe de Camariñas hai dous anos e o último o Midnight Fashion Show 2019 organizado polo Balneario de Mondariz.

 

O deseñador cos modelos da colección “Royalty”.

 

Sempre innovando e sorprendendo ao público, este polifacético xove que combina o seu traballo como perruqueiro e estilista co de modisto, ten organizado os seus propios desfiles en Viana do Bolo, só ou con colaboracións, amosando aos seus veciños as súas creacións. O último tiña lugar en agosto de 2019 no barrio vianés do Toural (o seu barrio) para presentar a súa última colección Metamorfosis, unha colección que tamén expoñía xunto a Royalty na Sala de Exposicións de Viana do Bolo no Nadal dese mesmo ano, para que a xente fora consciente do traballo que hai detrás de cada deseño. Os bocetos, os patróns, a costura,… Horas de traballo e noites sen durmir para chegar á prenda final que se ve sobre a pasarela.

 

O deseñador coas modelos da colección “Metamorfosis”.

 

A partir dese momento coma quen di xa comezou a traballar no deseño do seguinte proxecto para presentar ao concurso nacional de Ande. A por de crear novos deseños, Jorge foi descubrindo que o seu estilo xiraba en torno ao barroco, o mundo da ornamentación (pedrería, plumas,…). Engadir complementos á roupa. “A min non me gusta o de “menos é mais”, para min “máis é máis”. Intenteino pero non son capaz de facer unha prenda minimalista nin de liñas rectas. Si me gusta o corte clásico, de feito confecciono a roupa ao método tradicional co patrón, pero teño que engadirlle algo moderno. A prenda de costura de toda a vida pero co meu toque persoal que é o que rompe facendo prendas que despois de poidan poñer, aínda que no desfile non o pareza”, explica Jorge. De feito os seus deseños xa traspasaron en máis dunha ocasión a pequena pantalla, vestindo entre outras ás rapazas da Panorama (Tania Fuegho, Lucía Pérez, Fátima Pego e Irene Iglesias) e tamén a Andrea Pousa.

 

A cantante Lucía Pérez cun dos deseños da firma Jorge De Álvarez.

 

Con respecto a colección coa que competirá polo premio e da que de momento só existen os bocetos, estará formada por seis prendas e inspirada no filme Memorias de África. Unión e sentimento son segundo o seu creador, as palabras máis adecuadas para definir Uhuru (Libertad), unha colección na que as cores de África son unha parte fundamental no desenvolvemento dos tecidos tanto nas cores coma nas texturas . “Tons camel que simulan a cor da terra na que crecen plantacións de café, brancos mate e con brillo imitando ao marfil, texturas lisas e rugosas expresando o paso do tempo…” explica o deseñador. Prendas de corte clásico pero máis voluminoso “esaxerando o concepto para crear siluetas que centren a ollada do espectador creando un cúmulo de sensacións que o trasladen á Kenia de principios do século XX”.

Con esta colección Jorge Álvarez intentará facerse co primeiro premio que previsiblemente se entregará nunha gala no mes de febreiro. Data supeditada á evolución da pandemia.

Fotos: Estela Barone.

Artigos relacionados

Back to top button