EconomíaEconomíaÚltima hora

Jorge De Álvarez presentará a súa nova colección en Viana, o 14 de agosto

O desfile será coma sempre na rúa do Toural a partir das 19:30 horas e estará presentado por Esther Estévez ('Dígocho Eu' da TVG)

Imaxe do anterior desfile de Jorge De Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Din que ninguén é profeta na súa terra pero no caso do vianés Jorge Álvarez esa afirmación non se cumpre. De feito todos os eventos que realiza na súa vila este xove perruqueiro, estilista e modisto, creador da firma de moda Jorge De Álvarez, son un éxito, especialmente os desfiles de moda para presentar os seus propios deseños que dende hai uns anos sorprenden e engaiolan ao público.

 

Esther Estévez será a presetadora.

 

Este ano non será unha excepción e causará aínda máis expectación se cabe, tralo éxito colleitado xunto coas Tanxugueiras, ás que vestiu para o mediático e polémico Benidorm Fest e tamén para a súa xira ‘Terra’. A vinculación creada entre Jorge De Álvarez e Tanxugueiras foi tal que o desfile que se celebrará o vindeiro 14 de agosto ás 19:30 horas na rúa do Toural, en Viana do Bolo, fará un guiño ás cantareiras do século XXI a través do baile e incluso na propia roupa.

Tal como avanza o propio Jorge, o desfile estará presentado nesta ocasión por Esther Estévez do programa Dígocho Eu da TVG (á que tamén vestiu para a gala dos premios Mestre Mateo) e “contaremos coa actuación da compañía de Danza Fran Sieira, os bailaríns que acompañan ás Tanxugueiras e de Electra”, di, engadindo que como tenda convidada especial estará Bulideira de Santiago que tamén traballa con Tanxugueiras e da que o propio deseñador é cliente.

 

O bailarín Fran Sieira.

 

En canto á moda, despois de amosar un avance na Mostra do Encaixe de Camariñas e presentala en Madrid diante de críticos e prensa, Jorge De Álvarez amosará en casa a súa nova colección composta por 16 deseños. Empty Noise está inspirada na guerra interna de cada persoa que se viste para combater día a día nunha loita que non é visible como a ansiedade ou a identidade de xénero. Modelos masculinos e femininos onde predominan os tons negros, azul noite, grises e vermellos. Unha colección na que destacan looks como o que se asemella ao uniforme dun aviador ou o conxunto que destaca pola súa toureira con detalles nas costas, dous dos máis aclamados polos asistentes á presentación en Madrid.

 

Artigos relacionados

Back to top button