ConcellosÚltima hora

Jorge Godás crea a banda sonora do Festival Internacional de Curtas de Verín

O tema principal “Vía XIV” é unha homenaxe á infancia na vila do Támega
O director de Creatividade do FIC e autor da banda sonora do festival. /Foto: Carlos G. Hervella.

Un dos aspectos máis destacados nun proxecto audiovisual é a música. As melodías que envolven unha película, un documental, unha curtamentraxe… Por iso a organización do Festival Internacional de Curtas-Vía XIV de Verín puxo especial atención na creación da súa propia banda sonora. Un traballo que levou a cabo un dos alma máter do proxecto, o verinés Jorge Godás, director de Creatividade do FIC.

En apenas tres minutos e medio, Godás expresa a través da música con base electrónica, a esencia do festival: o camiño. “É un ritmo de camiñar aínda que con sutís toques de Morricone na melodía”, explica o autor, asegurando que a esencia do tema principal “Vía XIV” é unha homenaxe á infancia en Verín. “Cando eramos nenos gustábanos moito ir de vaqueiros e indios, algo que se reflicte no tema”, di, unha banda sonora creada o ano pasado cando botou a andar o festival e que manteñen, con pequenas variacións e remesturada, para a II edición que se desenvolverá do 1 ao 10 de decembro.

Para Jorgé Godás, deseñador e creativo na TVG, o traballo de post produción non ten segredos e faino de forma intuitiva, pero foille todo un reto o proceso inverso “compoñer sobre unhas imaxes”, puntualiza. E iso que a música, a fotografía e mesmo o cine son temas cos que conviviu dende neno. Tanto por parte do seu avó, quen ademais de fotógrafo organizaba corais e bandas de gaitas, como por parte dun tío político “que era director de música e debaixo de casa tocaba o piano. Chegoume a música por todas partes”, segura.

E por se iso fose pouco, ao seu pai tamén lle gustaba o cine, e xa de pequeno co famoso Cinexin aprendíalle trucos de montaxe. “El proxectaba para os maiores e eu para os nenos no salón onde teño agora o meu mini estudio, e el dicíame “ti ponlle a música que xa verás como se sincroniza todo” e efectivamente, a música ten uns ritmos binarios e ternarios que van provocando certas sincronías na imaxe e na montaxe, e iso mesmo sígoo facendo agora como grande afección. Segue sucedendo o mesmo pero a outro nivel”, di, recoñecendo que lle gusta experimentar. “Levo dende os 15 anos investigando sobre a música electrónica, influenciado por grandes artistas de todos os estilos como Pink Floyd, Vangelis ou Jean-Michel Jarre, sen esquecer aos clásicos”.

A menos de tres semanas para a gala de apertura, Godás segue traballando no vídeo que un ano máis abrirá a fiestra do FIC, entrando na mente dos telespectadores a través do ollo e do oído. Para ir abrindo boca, pódese escoitar aquí o tema “Vía XIV”.

Artigos relacionados

Back to top button