En portadaOurenseÚltima hora

Jorge Godás une Verín e Mirny (Rusia) a través da música e da imaxe

“The Timesounds”, un proxecto desenvolvido conxuntamente entre este compositor verinés e Vladislav Soldatenko, presentarase o 28 de abril nun concerto nesta cidade siberiana
Jorge Godás nunha masterclass en Mirny (Rusia), incluída no programa do festival.

Música electrónica e imaxe para contar unha historia que xungue o local co universal. Son os fíos condutores dun singular proxecto multimedia forxado con entusiasmo ao longo de dous anos e que une dous extremos do continente europeo: Verín e Mirny (Rusia).  Un proceso creativo de ida e volta que nacía de xeito inesperado a partir das fotografías do verinés Carlos Folgoso e da conexión que xeraba entre Vladislav Soldatenko, editor xefe de programas da televisión de Mirny (Almazny Kray TV), e Jorge Máximo Godás Limia, músico autodidacta e postprodutor na televisión galega, tamén natural de Verín.

Un labor conxunto que este domingo 28 de abril vaise materializar no espectáculo multidisciplinar “The Timesounds”, que se presentará ás once da mañá (hora española) na Casa da Cultura da cidade rusa dentro do XIX Festival “Mirny canta pola paz”. O concerto (cunha duración estimada de pouco máis de dúas horas) inclúe 24 composicións e 5 transicións de Godás, acompañadas de proxeccións audiovisuais preparadas polo músico xunto con Manu San Martino e Vladislav Soldatenko. Nesta actuación participarán ademais diversos instrumentistas rusos e conxuntos de danza.

Este proxecto nace da inquedanza do propio Godás por todo o que ten que ver coa música electrónica e claramente inspirado en composicións dos grandes do xénero, como Jean Michel Jarre. A través dun contacto común, o do fotógrafo verinés Carlos Folgoso que viaxaba hai uns anos a Mirny, Godás entrou en contacto con Soldadenko e xuntos decidiron “emprender esta aventura. Comprobei que Soldadenko e máis eu tiñamos en común unha ligazón a través da música. E pediume que compuxera algúns temas. Posteriormente, a colaboración foi medrando e decidimos darlle unha continuidade creando un concerto para ser divulgado no marco do festival cultural de Mirny”, aclara Godás. “O resultado é unha obra de 2 horas e 15 minutos cun fío condutor claro moi inspirado nas novelas de Julio Verne, das que sempre fun un ávido lector, e que leva por título The Timesounds”.

Neste proxecto Godás tamén contou coa colaboración de diversos profesionais da localidade tales como o produtor audiovisual e director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, e o realizador Manuel San Martino. “The Timesounds” homenaxea a través da integración de imaxes, sons, textos acústicos e outros elementos como danzas ou performances grandes hitos da historia rusa tales como o xadrez ou a cosmonaútica. Pero non perde a súa vocación social e de denuncia, tal e como aclara Godás, “posto que unha das partes quere realizar unha homenaxe a os oito mineiros de Mirny que perderon a vida nunha canteira no verán de 2017”.

Ao respecto do seu proceso de creación, Godás matiza que “eu sempre compoño e creo imaxes na miña cabeza pois trátase dun proceso moi experimental, que foxe do clásico. Xogo cos sons e cos ritmos e sempre vou recreando unha acústica á que logo lle dou forma”, aclara.

 

Vladimir Soldatenko xunto a Godás, na masterclass impartida polo músico verinés en Mirny.

 

Os preparativos

Hai máis dunha semana Jorge Godás viaxaba a Mirny para ultimar, xunto a Soldatenko e ao equipo de profesionais e músicos que participará na presentación, o espectáculo. Ademais no marco do Festival “Mirny canta pola paz” impartía o 25 de abril unha masterclass de música electrónica. Nesta viaxe, Godás tamén está acompañado polo fotógrafo Carlos Folgoso, quen está a participar tamén no certame cunha exposición.

 

Jorge Godás cos músicos Yuriy (violín) e Alexey (teclados).

 

Un dos momentos dos preparativos do concerto.

O concerto en directo

O concerto de presentación de “The Timesounds” poderá seguirse en directo a través de internet. Retransmitirase a través de streaming neste enlace a partir das once da mañá do domingo 28 de abril:
https://www.youtube.com/embed/-cMKSiBBoow

Fotos cedidas.

 

 

Carlos Folgoso e Jorge Godás na inauguración da exposición deste fotógrafo en Mirny.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button