En portadaEntrevistasÚltima hora

José A. Prada: “O prato elaborado en Xantar é unha receita de cociña tradicional galega cun chisco de modernidade”

Este valdeorrés gañaba o 9º Concurso de Cociña Gourmet organizado polo Grupo Cuevas na categoría de Afeccionado coa receita “Taco de Porco Celta”

 

Ta tarde do domingo 7 de novembro, a 22ª edición de Xantar celebrada en Expourense pechaba as súas portas con preto de 18.000 visitas recibidas e a entrega de premios dos diferentes concursos convocados.

Un deses certames vencellados ao turismo gastronómico era o Concurso de Cociña Gourmet organizado polo Grupo Cuevas que celebraba a novena edición. O obxectivo do concurso, tal como informan os seus organizadores “é promover a cociña autóctona a través dos produtos gourmet e das materias primas galegas de calidade, transformándoas en pratos tradicionais ou innovadores e tendo como protagonista á castaña, o produto insignia do Grupo Cuevas, tan identitario da gastronomía galega e que na actualidade vive momentos de esplendor e de redescubrimiento nas súas aplicacións culinarias”.

 

José Antonio preparando o prato en Xantar.

 

Neste sentido entre os requistos obrigatorios estivo o emprego na elaboración da receita da castaña, en calquera das súas formas e presentacións posibles (ao natural, en caldo de azucre, confeitada, en crema, en puré, en mousse, etc…) ou baixo calquera fórmula innovadora que o participante considerase. Así mesmo os participantes debían utilizar como mínimo un produto gourmet de orixe galega, contando con 30 minutos para a elaboración do seu prato fronte ao xurado, que tivo en conta diferentes parámetros para seleccionar aos gañadores, dende a presentación ou a aplicación da castaña ao prato, ata os produtos gourmet de orixe galega utilizados, dificultade na súa elaboración o gusto e o aroma ou a orixinalidade.

O concurso tiña dúas modalidades: Profesional e Afeccionado, sendo nesta segunda onde un valdeorrés se facía co primeiro premio. José Antonio Prada López, natural de Vilamartín de Valdeorras gañaba o concurso na categoría de Afeccionado cunha receita centrada no porco celta, un plato cuxa elaboración explica el mesmo.

 

José Antonio Prada de Vilamartín de Valdeorras con produtos gourmet.

 

É a primeira vez que participas nun concurso de cociña, ¿porque te animabas a apuntarte neste? ¿Como foi o proceso?

Gústame moito cociñar, de feito fágoo habitualmente en casa e escoitei o do concurso pola radio e deume por apuntarme. Mandeilles a receita, gustoulles e pasei á final xunto con outro participante e despois de cociñar diante dos xuíces gustoulles o meu prato e déronme o premio. Pero son un simple afeccionado, non teño ningún tipo de formación ao respecto, gústame e practico en casa, iso é todo.

¿Cal foi ese prato gañador? ¿Que leva?

A receita chámase “Taco de Porco Celta”. Segundo as bases do concurso había que elaborar un prato que incluíse obrigatoriamente castañas en calquera forma e tamén alimentos Gourmet de Galicia polo que ocorréuseme este. Normalmente os tacos son de millo pero eu utilicei fariña de castaña para facelo co cal xa tiña un dos ingredientes. A carne de porco fíxena ao forno, a baixa temperatura, cunha salsa barbacoa caseira que leva entre outras cousas cebola, viño, tomate triturado e mel de Valdeorras. Todo mesturado e ao forno durante 4-5 horas a 120º queda moi tenro. Á hora de presentalo utilicei Queixo do Cebreiro e tomate picado, cebola vermella, cilantro e lima, e todo metido no taco.

 

“Taco de Porco Celta”.

 

¿Que é o que máis che gusta preparar (carnes, pescados, verduras…)?

Cociño de todo, non teño predilección por un produto en concreto, nin tampouco por un tipo de cociña (moderna ou tradicional), de feito o prato co que gañei o premio é unha mestura de cociña galega con produtos tradicionais e un chisco de modernidade.

¿Tes algunha creación propia?

Pois o certo é que non sei se algún dos pratos se pode considerar orixinal meu porque cociño moito, e sempre que vou a algún restaurante (cando podo porque por economía e por tempo non vou todo o que quixera), todo o que vou probando intento reproducilo en casa ao meu xeito, tamén mesturando e facendo moitas probas, ás veces saen ben as cousas e outras non.

¿Nalgún momento te plantexaches estudar cociña?

A verdade é que non e menos agora xa non teño idade e por traballo tampouco podería. O meu é simple afección e presentarme ao concurso foi un pouco impulsivo [ri]. Se o penso demasiado igual non me presento porque estas cousas danme bastante vergonza.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button