CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

José Antonio Gurriarán presenta “As mulleres do monte” no Barco

Numerosas persoas acudían a este acto celebrado na tarde do 21 de outubro no salón de actos do multiusos da vila

“Este libro era unha cuestión de obriga ética, é un libro da memoria”. O xornalista e escritor José Antonio Gurriarán aludía deste xeito ao seu último libro “As mullleres do monte. Lembranzas e pantasmas dun neno da posguerra” (Galaxia, 2015) na presentación que tiña lugar na tarde do 21 de outubro no Barco, a súa vila natal. Contaba que é un libro de lembranzas persoais, pero tamén doutras persoas, sobre “unha época moi difícil, moi dura”, e no que ademais quixo poñer o foco na muller represaliada na posguerra civil española e no papel que na guerrilla desempeñaban as mulleres na comarca valdeorresa, pero tamén en zonas veciñas das provincias de León ou Zamora.

A intervención de Gurriarán, na que non puido evitar deixarse levar pola emoción ao recordar a algúns dos protagonistas do libro, completaba un concurrido acto no que tamén participaban a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; Xosé Manuel Soutullo en representación de Galaxia; Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto Instituto de Estudos Valdeorreses; Ricardo Gurriarán, historiador; e Santiago Macías, fundador da ARMH. Todos eles coincidían en destacar o labor de investigación realizado polo autor e o valor da obra como instrumento de reconstrucción da memoria.

Ao finalizar, numerosas persoas se achegaban a José Antonio Gurriarán para saudalo e pedirlle que asinase os exemplares deste libro, que é ademais o primeiro que o autor publica en galego (cunha tradución realizada por Felipe Senén).

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button