En portadaGalerías de fotosÚltima hora

José Antonio Gurriarán, un protagonista de cine, no Barco

A barquense Sabela Freixeiro poñía son á inauguración da 27ª Semana de Cine no Teatro Lauro Olmo

Ao ritmo das bandas sonoras de filmes como “A noiva cadáver”, “Forrest Gump”, “Amelie” ou “Cinema Paradiso”, interpretadas ao piano pola barquense Sabela Freixeiro, arrancaba a 27ª Semana de Cine do Barco de Valdeorras.

Entre o público asistente ao acto de inauguración, que tiña lugar na tarde do 25 de agosto no Teatro Lauro Olmo, había un espectador moi especial: José Antonio Gurriarán, o xornalista barquense que foi vítima dun atentado do conflito armenio perpetrado en 1980 na Gran Vía de Madrid, onde unha bomba lle estoupou nos pés. Desa experiencia, Gurriarán escribía un libro titulado “La bomba” que daba orixe, máis de trinta anos depois, ao filme de Robert Guédiguian “Unha historia de tolos” coa que a Semana de Cine abría as proxeccións.

 

José Antonio Gurriarán antes da proxección.

Malia o seu débil estado de saúde, José Antonio non quixo perder a oportunidade de ver como o filme inspirado na súa propia experiencia, que mestura realidade e ficción, era proxectado no cine do seu pobo, “un lugar moi cinematográfico no que chegou a haber tres cines abertos con varias proxeccións diarias”, asegura o propio escritor, satisfeito co resultado da película. “Son dos que pensa que as cintas non teñen porque ser totalmente fieis aos libros, os guionistas e directores teñen que ter liberdade”.

Na inauguración da Semana, na que se proxectarán outras 16 películas en dous pases diarios (un infantil e dous para adultos), tamén se abría a exposición “A cámara tras da cámara”, unha mostra de diferentes imaxes tomadas durante as rodaxes dos clásicos do cine internacional.

Dende hoxe e ata o 4 de setembro, o Barco é unha vila de cine.

 

José Antonio é autor do libro “La bomba”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button