
Por vez primeira o ourensán José Araújo lidera unha candidatura a unhas eleccións autónomicas. Encabeza á lista de Ciudadanos pola provincia de Ourense na convocatoria do vindeiro 12 de xullo, algo que considera “unha honra e unha responsabilidade tamén”. E, no caso de resultar elixido, comprométese a “facer desa voz que defenda os intereses de Ourense” no Parlamento galego.
Tras máis dunha semana de intensa campaña, Araújo asegura que a mensaxe da formación laranxa está tendo boa acollida entre a sociedade ourensá. Nos vindeiros días ten previsto achegarse a Valdeorras.
– ¿Como definiría a candidatura que presenta Ciudadanos na provincia?
É un bo equipo, con todo tipo de perfís: dende traballadores do público ata autónomos, pasando por pequenos e medianos empresarios, profesionais liberais… xente do mundo real.
– ¿Cales son as principais propostas do seu partido con relación á provincia de Ourense?
En termos provinciais o que contemplamos é demandar para Ourense as infraestruturas que están pendentes e que levan anos sen ser atendidas. Queremos, por exemplo, que a comarca de Valdeorras conecte dunha vez coa provincia de Ourense e coas comunicacións que se merece. Queremos poñer en valor todo o tecido produtivo da provincia, tanto dende o punto de vista agrícola como gandeiro, poñer en valor o potencial forestal e converter a Ourense no seu conxunto nesta provincia termal da que tanto se fala e tan pouco se fai. Pretendemos traballar no aspecto patrimonial porque xa somos un referente pero temos que explotar esa referencia patrimonial da provincia e poder asentar poboación no rural que viva do seu traballo.
Queremos que os nosos maiores vivan no seu entorno natural, mudar o sistema de residencias para os eles de forma que estean o máis próximos posibles ao seu lugar de toda a vida, que ben o merecen; e que poidan ir a misa onde foron sempre, que poidan botar a partida onde a botaron sempre. Queremos ter unhas residencias perfectamente fiscalizadas e de calidade, hai que aproximar aos maiores ao seu entorno natural.
– ¿Cales son as sensacións que están tendo nestes días de campaña e a acollida da xente ante o proxecto de Ciudadanos?
Nos lugares a onde imos somos ben recibidos, intentamos escoitar aos diferentes colectivos aos que nos estamos a achegar, colectivos que normalmente non teñen quen os escoite, que resultan prexudicados sempre, sempre saen perdendo, e a sensación que temos é moi boa.
Nós temos unha política de moderación, de diálogo, plantexamos unha política útil, lonxe de andar con estridencias e de inventarnos conflictos onde non os hai. A indicación que nos dan dende o partido é que fagamos unha política o máis útil posible, negociando sempre e apoiando, dando a man a todo o que sexa de interese para o noso entorno e, neste caso, a todo o que sexa de interese da provincia de Ourense.
– ¿Esta provincia pode ter un papel clave en canto aos resultados e a un posible cambio no modelo político actual?
Nós o que pretendemos é ser unha voz no Parlamento galego que defenda exclusivamente os intereses de Ourense e non ser deputados cun bozal que simplemente están ao que diga o seu amo, senón que poidamos defender os intereses desta provincia en cuestións básicas nas que sempre está ninguneada. Por poñer un exemplo, a comunicación, como dicía antes, con Valdeorras ou a comunicación coa cidade de Lugo, que está paralizada; coa chegada da alta velocidade ou coa mellora dos servizos sanitarios nas comarcas, que tamén pretenden desprezar e reducir, pois pretendemos ser esa voz que defenda eses intereses da provincia de Ourense.
– Estas son unhas eleccións especiais, condicionadas pola crise sanitaria, ¿qué lle diría á xente para que se animase a participar e votase o vindeiro 12 de xullo?
Eu pediríalle a todos que, coas máximas precaucións porque non estamos para andar con lixeirezas, fosen votar xa que é un deses dereitos que nos permite de vez en cando cambiar o rumbo das cousas. E, no noso caso, se depositan a confianza en nós, o que lles prometemos é traballar dende o minuto 0 dende a educación, dende a moderación, atendendo aos intereses de todo o mundo, e fundamentalmente daqueles que levan levantando nos últimos días a súa persiana e que queren facer funcionar os seus negocios e necesitan unha administración que os axude e non unha administración que os asfixie, como está facendo agora mesmo. Pois nós comprometémonos a traballar por todos eles dende ese punto de vista.
Fotos cedidas.