CulturaCulturaÚltima hora

José L. Fernández: “A antiga fábrica de chocolate de Teimende é unha historia de honestidade”

Esta tarde presentábase no Liceo de Ourense o libro sobre a traxectoria chocolateira da familia Casares en Parada de Sil, hoxe perpetuada na Casa Museo do Chocolate

 

O libro “A fábrica de chocolate en Teimende” presentábase esta tarde no salón noble do Liceo de Ourense, nun acto promovido polo Concello de Parada de Sil e que contaba cunha notable presenza de público. O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e no mesmo participaron o autor desta obra, José Luis Fernández Carnicero; o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; e Rosa Casares, filla do último chocolateiro, representando á familia.

Na sua intervención, Fernández Carnicero resaltaba que “a antiga fábrica de chocolate de Teimende é unha historia de honestidade encarnada na persoa de don Ricardo Casares, que preferiu cesar na actividade antes que devaluar o seu produto, cando as multinacionais incorporaron sucedáneos que devaluaban a calidade do chocolate e facían imposible a competitividade dos pequenos fabricantes. Foi tanto o respecto que me produciu a sua figura que non poiden deixar de tratalo así”.

Carnicero tamén puxo de relevo que a través do estudo e análise da profusión de documentación manexada por Arturo Casares e o seu fillo Ricardo e conservada hoxe pola familia “permiten que o libro deixe entrever a importancia do mundo rural e a capacidade de emprendemento de xentes sinxelas en lugares onde a vida se desenvolvía en condicións moi difíciles en tempos complicados económica e politicamente”.

Para escribir o libro, o autor valeuse da documentación aportada pola familia Casares, así como da testemuña das duas fillas do último chocolateiro, Loli e Rosa, que de nenas axudaban na elaboración do chocolate durante as vacacións escolares. Tamén utilizou material do seu propio arquivo familiar, e en menor medida de outras fontes vencelladas ó mundo do chocolate e o cacao. O traballo está escrito en castelán e traducido ó galego-portugués polo profesor Isaac Alonso Estraviz e conta con numerosas fotografías e documentos con facturas, albaráns, escritos de petición de mercancía ou maquinaria, que dan unha idea fidedigna do funcionamento e do contexto no que se desenvolvía a elaboración do chocolate.

O alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, chamou a atención sobre a importancia do Museo do Chocolate, que contribue a dar vida ó concello xunto con outros recursos naturais ou arquitectónicos de primeiro nivel, como o mosteiro de Santa Cristina, a necrópole de San Vítor, os miradoiros ou a pasarela do Mao. “A publicación deste libro por parte do Concello é unha aportación ó coñecemento e comprensión do noso pasado e facilitar o que habemos de facer cara o futuro”.

Por parte da familia fixo uso da palabra Rosa Casares, quen agradeceu o traballo do autor e tamén o respaldo do concello e da Xunta para a publicación do libro sobre a fábrica do chocolate de Teimende, que supón “un novo avance no camiño que a familia Casares Prieto iniciou no 2013 coa cesión do inmoble, a maquinaria e demáis utensilios da fábrica, ó Concello de Parada de Sil para a súa rehabilitación e conversión na Casa Museo do Chocolate que é hoxe. Ricardo, o noso pai, viviu con tanta paixón a súa profesión, que aínda despois de pechar a fábrica seguía sentíndose e identificándose como chocolateiro”, afirmou a sua filla.

 

 

Ademais engadía que “ó longo da súa vida, fixo gala dunha enorme xenerosidade, tanto cos seus irmáns como coa veciñanza de Teimende e das aldeas coas que tiña relación, pondo o seu grao de area para tratar de mitigar as múltiples necesidades sociais e económicas da época”.

Rosa Casares rematou dicindo que “Ricardo sempre andou cun sorriso nos beizos e coa alegría e a xenerosidade que o caracterizaron procurando sempre facer comunidade. Non acadou bens materiais, pero sempre foi inmensamente rico en valores e principios”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, manifestou a sua sorpresa de que unha iniciativa como a fábrica de chocolate de Teimende, nun lugar e nun tempo no que as dificultades eran moito maiores que hoxe. Estableceu o paralelismo entre aquel emprendemento heroico e o que hoxe acometen quenes se atreven a montar negocios e iniciativas empresariais de distinto tipo. Felicitouse e felicitou a Parada de Sil polo impulso á cultura e o patrimonio. Por eso entendeu que era moi interesante dar o apoio do seu departamento para a publicación deste libro sobre a elaboración do chocolate.

Artigos relacionados

Back to top button