EntrevistasÚltima hora

José Luis García Pando: “Na D.O. Valdeorras a crise está afectando ao 80% das vendas totais”

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe valdeorresa analiza nesta entrevista a complicada situación que atravesa este sector como consecuencia da emerxencia sanitaria do coronavirus

O presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Preocupación e moita incertidume no sector do viño valdeorrés. A crise do coronavirus truncaba por completo unha campaña que a Denominación de Orixe Valdeorras iniciaba con optimismo, mesmo embotellando antes do habitual. Pero a situación de emerxencia sanitaria do Covid-19 mudaba por completo o escenario, tendo en conta ademais que a maior parte das vendas da produción desta D.O. destínanse á canle da hostalaría.

E malia que coa desescalada está reabrindo os establecementos hostaleiros, a incertidume segue condicionando ao sector. “Hai pedidos pequenos para ver como respira o mercado, pero ninguén se vai atrever a facer nin grandes investimentos nin grandes pedidos, ao principio irase tanteando a ver como se recupera a situación”, comenta o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando.

– ¿De que lle forma lle está a afectar á D.O. Valdeorras a crise do coronavirus?

Moi directamente, está a afectando ao 80% das vendas totais. É certo que hai un aumento noutras canles de venda como son os supermercados, online… pero iso non compensa nin o 20% do resto. Hai 10 adegas con venda directa online, pero iso non lles compensa a caída de vendas, o que si podería compensar é a alimentación, e iso depende de como esteas posicionado. Entón hai 4 ou 5 adegas que levaban o tema de alimentación e, polo menos elas seguiron funcionando dunha forma razoable.

– E esa crise xurdiu nun ano con moi boas expectativas para o sector…

Si, si foi algo totalmente inesperado. Tivemos unha pequena vantaxe, por dicilo así, que foi que como non había viño nas adegas do ano pasado pois comezouse a sacar o viño antes, de modo que unha parte da colleita, aínda que non moi grande, si que se puxo no mercado antes de que viñera o confinamento. Sen embargo, despois a crise curtoulles de raíz o groso da factuación ás adegas, que dependen moito da rotación do produto, que están todos os meses facturando e quedaron un pouco aí a ver qué pasa.

E non se trata só das vendas no momento, senón que agora hai que financiar unha vendima e temos problemas por iso, porque no houbo recaudación, non se xerou movemento de diñeiro coa venda de viño, entón as adegas están vendo que se lles vén unha vendima enriba e non venderon o anterior, entón temos viño na adega, non temos liquidez e hai problemas no sector.

Todos os sectores dirán que están afectados, pero o viño non é unha industria na que se produza materia prima cando ti queiras, senón que a vendima é cando é, polo tanto, hai que vendimar e pagar as uvas e ese é o problema que se paga todo no momento e hai que ter liquidez para afrontalo. E non é unicamente un problema económico, senón tamén o de dispor de sitio para gardar o viño que tes e para meter unha colleita nova. E logo non se sabe moi ben por onde van ir os tiros no mercado e iso leva a ter tamén precaución, medo a encher a adega descoñecendo que vai pasar. Nestes momentos, a diferenza doutros anos, é unha decisión con outra incertidume, cada adegueiro deberá valorar a onde pode chegar.

– ¿Cre que a situación pode mellorar agora que está abrindo, aínda que lentamente a hostalaría?

De momento non notamos ningún cambio, as vendas que se poden facer nas terrazas en hostalaría son, por agora, un pouco anecdóticas, mentres non abran os comedores e poida funcionar a restauración, non só en Galicia, senón no resto de España, notarase pero non significativamente.

 

 

– Ante esta situación, ¿mantivéronse xa contactos coas administracións? ¿vanse habilitar axudas?

Aínda non está definido completamente, pero xa nos teñen falado dunha serie de axudas propostas por Europa e que se van destinar ao viño inmobilizado, é dicir, a pagar un tanto por hectolitro de viño inmobilizado. Iso axudará un pouco á liquidez. Logo haberá unha liña denominada “colleita en verde” e destinada a viticultores para favorecer que as colleitas non sexan grandes. Está pensada para parcelas completas e consiste en cortar as uvas antes de que maduren, ou sexa, páganlles por non producir. Fálase dunhas axudas do 60% do valor da colleita nesas viñas, tendo como referencia a produción media e o prezo medio das uvas nos tres últimos anos. Cada un terá que facer os seus números e mirar o que lle darían e se lle compensa ou non.

– ¿Cal é a postura do sector de Valdeorras ante estas liñas?

No referente á vendima en verde nós plantexamos que non sexan parcelas completas, senón que se poida facer nunha parcela un clareo de racimos para producir menos, unha poda controlada para baixar os rendementos, pero, polas informacións que temos, Europa non vai a aprobar iso.
E gustaríanos que a axuda ao inmobilizado fora maior, pero parece que os orzamentos europeos non dan para máis. Hai unha terceira liña que plantexa Europa de axudas á destilación, pero que aquí en Galicia non encaixa.

Nós á Xunta propuxémoslle unhas liñas de crédito brando para que as adegas dispoñan de liquidez para pagar a compra de uvas, e parece que a Consellería do Medio Rural está traballando niso, a parte dunhas liñas ICO que tamén estaban funcionando para iso nestes últimos anos.

Despois, hai outros temas que se solicitaron dende os consellos reguladores galegos como é poder mesturar añadas, xa que de momento Europa non permite mesturar máis do 15% dunha añada anterior ou de añadas anteriores coa añada última para sacar o viño coa etiqueta desta. Nós propuxemos que se puidese aumentar, pero ao parecer Europa non está polo labor.

 

José Luis García Pando, nun viñedo da D.O./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

– Tendo en conta que se trata dunha crise global, a exportación tampouco pode ser unha saída a diferenza doutras ocasións…

Tal e como está o mercado a exportación tamén é complicada. Nestes meses algo se ten exportado porque son pedidos máis a longo prazo e non é a rotación de aquí de mes a mes, e semana a semana, son ao mellor pedidos que duran seis meses ou o ano enteiro no mercado. Pero tamén está a incertidume de moitos pedidos que estaban feitos e que se paralizaron, entón ata que haxa unha luz e se diga que isto está máis ou menos encauzado, pois, non se empezará a mover moito, por desgraza.

– ¿Podería dicirse que esta crise é máis grave a nivel do sector que a que se viviu no 2008?

Os impactos desta aínda non se saben e adiantalos resulta un pouco aventurado, depende un pouco de como reaccione o mercado agora coas aperturas. Se iso volve a funcionar será unha crise puntual que nun ano nos levou a ter perdas e á falta de venda e, como sobra viño, pois as presións do mercado van ser complicadas polo menos de aquí a final de ano, non en Galicia, senón en todo o mundo. Se fose así, podería resultar unha cuestión puntual de forma que o exceso de viño ao cabo de certo tempo se compense; mentres que a crise da outra vez foi unha crise de fondo, onde houbo falta de liquidez porque os bancos non cha daban para facer investimentos, na que baixou o consumo porque a xente non tiña diñeiro, entón daquela foi bastante máis grave do que ten sido esta ata agora. Pero, se non se recupera a economía e o paro non volve á situación de hai tres ou catro meses, isto vai ter todas as consecuencias que tivo a outra. Por agora é algo que non sabemos.

Aquí a cuestión é o rebrote da economía, que se volva recuperar. O que se perdeu perdeuse, pero polo menos que non se alongue no tempo, pero se a situación económica non se recupera tan pronto como quereríamos, pois que esa situacion puntual poderíase alongar máis no tempo.

Artigos relacionados

Back to top button