DeportesÚltima hora

José Luis Puente, homenaxeado na Gala do Karate Galego onde o River Stone recibiu o premio ao mellor club

O karate valdeorrés foi un dos protagonistas do acto celebrado esta fin de semana nas Pontes
Jose Luis Puente Murias recollendo o premio na Gala do Deporte do Barco hai dous anos./ Foto: Carlos G. Hervella.

En setembro de 2017 falecía José Luis Puente Murias, profesor e un dos promotores do karate en Valdeorras. Barquense de nacemento, comezou no mundo das artes marciais aos 15 anos, e primero como deportista e competidor e despois como adestrador, seleccionador galego e árbitro durante máis de 30 anos, José estivo a maior parte da súa vida vinculado ao karate. Por iso dez meses despois, a Federación galega quixo renderlle unha merecida e emotiva homenaxe a título póstumo na gala autonómica organizada para recoñecer aos mellores deportistas do 2017.

A presidenta da Federación Galega de Karate, Carmen Pita, en representación do equipo directivo, foi a encargada de entregarlle á viúva, a placa “pola súa traxectoria e achega ao karate galego”.

 

Membros do Karate Club River Stone do Barco. /Foto cedida.

 

Na gala, celebrada o sábado 7 de xullo nas Pontes (A Coruña), o karate valdeorrés tivo un protagonismo especial no apartado de karate. O KC River Stone recibiu un dos premios como “Mellor Club” polos resultados acadados no período e o seu adestrador, Nicolás Rodríguez foi un dos nomeados como “Mellor Técnico”. Ademais, Paula Ramos foi unha das nominadas a “Mención Especial ao Mellor Deportista” por: 3º posto campionato de España sénior e para karate 2017 na modalidade de kata equipos, 2º posto campionato de España universitario 2017 na modalidade kata individual , 2º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade de kata individual e 3º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade de kumite sénior feminino open.

No apartado de “accésit” tamén houbo varios premiados no club barquense: Juan Herrero Valcarce polo 1º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade de kumite júnior masculino +68 kg e polo 3º posto na V Copa Akai Ryu en kata cadete/júnior; Lucía Herrero Valcarce polo 2º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade de kumite cadete -54 kg; Iago Fernández Prada polo 3º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade cadete masculino +70 kg; e Jorge Amigo Nieto polo 3º posto no III Encontro Galaico-Duriense na modalidade de kata individual e polo 3º posto V Copa Akai Ryu en kata cadete/júnior

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button