EconomíaÚltima horaViticultura

José Manuel Rodríguez: “Na D.O. Ribeira Sacra a uva pagarase entre 1,10€ e 1,30€ o quilo”

O presidente deste concello regulador adianta que se prevé unha colleita duns 5 millóns de quilos, inferior a do 2019

Imaxe de vendima nunha viña da D.O. Ribeira Sacra. / Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

O pasado 26 de agosto deu comezo a tempada de vendima nas viñas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Este ano, segundo indica José Manuel Rodríguez, presidente do seu consello regulador, a previsión da colleita roldará os 5 millóns de quilos, un descenso respecto ao ano 2019, no que se rexistrou un récord de 7 millóns. “A uva está nun bo estado sanitario e esperamos unha boa vendima”, destaca. A previsión das adegas máis grandes é manter o prezo do ano pasado; así, a uva pagarase entre 1,10€ e 1,30€ o quilo, dependendo da zona e da calidade.

Con respecto ás medidas e protocolos derivados da crise sanitaria, José Manuel Rodríguez afirma que “todas as adegas poñerán en marcha un protocolo que recolla as directrices da Xunta”. Así mesmo, afirma que o Consello Regulador “seguirá desenvolvendo as súas tarefas de control pero dun xeito menos presencial, adaptándose á realidade que estamos a vivir”.

 

O presidente do CRDO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sobre a suspensión das actividades e feiras, o presidente do CRDO Ribeira Sacra sinala que foi unha “cuestión xeral, non nos repercutiu nin mellor nin peor que a outras Denominacións. Esta é a realidade que vivimos. En canto ás vendas cada adega ten a súa realidade ao ter mercados diferentes, algunhas exportan, outras non. Houbo xente cos mercados máis abertos e outros menos. As adegas grandes teñen máis espazos abertos, con máis posibilidades que en alimentación. Outras adegas que están principalmente na canle HORECA pásano un pouco peor porque teñen menos saídas”.

Ademais apunta que nestes momentos na D.O. “só se pensa na vendima. Isto é ao que temos que atender agora; é coma se fose un parto e hai que concentrarse neste parto. Despois pensarase no que haxa que pensar”. E indica que “esperamos tempo seco e noites frescas, mentres miramos con respecto a situación en Monforte”.

Artigos relacionados

Back to top button