O produtor ourensán José Sousa era recibido na mañá do 7 de novembro no Pazo Provincial polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Sousa vén de ser recoñecido co VI Premio “Ourensanía”, un galardón que concede a Deputación como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.
Neste encontro, celebrado cinco días antes da gala de entrega do galardón (prevista para o 11 de novembro no Teatro Principal de Ourense), Baltar e Sousa abordaban a situación da actualidade cultural en Iberoamérica, e fundamentalmente da industria do cine, ademais de asuntos relacionados coa emigración ourensá e a súa implicación cos ámbitos culturais e sociais.
O xurado do Premio “Ourensanía” ditaminou este ano concederlle o Premio “Ourensanía” a José Sousa (nacido en Ramirás), produtor de cine e propietario da Productora Xenon Films, pola súa longa carreira cinematográfica en Venezuela que o ten colocado entre as primeiras produtoras cinematográficas daquel país e situado coma un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.