EntrevistasÚltima hora

José Vega, guía das Ermitas (O Bolo): “Vén xente de todas as partes do mundo”

Leva toda a vida adicado ao santuario, xa que foi monaguillo, estudou no seminario, e agora exerce de guía

 

José Vega.

 

José Vega, natural das Ermitas (O Bolo), leva toda a vida adicado ao santuario e ao seu entorno. Comezou exercendo de monaguillo con cinco anos, despois estudou no seminario e actualmente, dende 2013, é o guía, xa que aínda que non posúe o título oficial, sabe moito máis da súa historia que calquera outra persoa. Este conxunto arquitectónico, cultural e artístico está gañando cada vez máis popularidade entre os turistas, grazas, sobre todo, ao auxe de Internet.

En que ano se constrúe o santuario das Ermitas?

O santuario comezouse a edificar no ano 1624, a raíz dun milagre que lle fixo a Virxe das Ermitas a un bispo que había entón en Astorga, Don Alonso Mexía de Tovar. As Ermitas pertence á Diócese de Astorga, na provincia de León e tardouse en contruír 140 anos. 

Que representa para o concello e a comarca?

É o único sitio de tradición turística, sobre todo aquí, no Concello de O Bolo, xunto co castelo que hai no mesmo municipio. O santuario das Ermitas é o primeiro santuario mariano (de María) de Galicia e despois deste construíron o da Virxe da Barca, en Muxía. A súa fachada, a cal foi construída aproximadamente no ano 1690, é unha das mellores obras do barroco galego. Ademais, ten como selo un vía crucis, que é o único en España de estilo barroco.

 

Durante unha visita, co santuario de fondo.

 

Entón o vía crucis é un elemento de reclamo…

Claro. En Europa só hai tres de estilo barroco e un é este. Especialmente o día de Venres Santo, que se fai solemne, é o máis especial e concorrido, xa que se fai procesión e se sacan as imaxes. Os pasos que se sacan lévanos os cofrades e moita xente que vén ofrecida.

Que supón a Fonte da Dormiñona para o santuario?

É un elemento propio do santuario. Construiuse para que os peregrinos puideran refrescarse, tomar auga, lavarse… Está na sétima estación do camiño que sube do vía crucis, dende o santuario ata a décimo quinta estación.

 

Interior do santuario, coa Virxe ao fondo.

 

Que lle impresiona máis aos visitantes?

Un dos elementos que sorprende cando entran ao templo é un pequeno galeón, unha representación dun barco, o cal está colgado no teito da nave central. Este galeón é o resultado dun milagre que lle fixo a Virxe a un xefe do exército español na Praza de Baiona (Pontevedra). A xente da costa sorpréndese cando ve un barco aquí no interior de Ourense. Ademais, no camarín da Virxe, hai un cadro único en España que representa á Virxe cos doce apóstolos en relevo.

 

A nave central do santuario, co galeón na parte de arriba.

 

No ano 1909 houbo un desprendemento da montaña, causou algún dano ao conxunto arquitectónico?

O derrubamento levou 27 casas e 36 persoas falecidas, ademais da quinta estación do vía crucis. O santuario quedou intacto, pero quedou arruinado economicamente. Así, nese momento estábase construíndo unha igrexa de estilo neogótico na décimo quinta estación do vía crucis, que quedou sen rematar, por dentro está baleira, sen imaxes, pero pódese visitar.

Os visitantes van expresamente a visitar As Ermitas ou achéganse dentro dunha ruta por máis lugares da zona?

A praia fluvial das Ermitas ten moito éxito tamén e moitas veces, despois de pasar o día alí soben ata o santuario e rematan subindo o vía crucis ata a estrada, ou á inversa. Ademais, dende o ano 2016 hai un tren turístico dende Ourense, que leva o nome de “Tren do Viño Valdeorras-Ribeira Sacra”, para na Rúa para visitar distintas bodegas da D.O. Valdeorras, e despois os visitantes soben nun autobús ao santuario.

 

Dende o interior do santuario.

 

De que partes do mundo se achegan para visitar este santuario?

De todas as partes do mundo, como por exemplo Polonia, Francia, Paraguai, Paquistán e moitos outros, ademais de xente da Península.

Cantos anos leva sendo guía?

En profundidade dende o 2013, antes esporadicamente, xa que comecei exercendo de monaguillo con cinco anos. Eu son de alí, e aos 12 anos comecei no seminario. Este seminario, que era filial do de Astorga, abriu as súas portas no ano 1842 e pechou no 1965. Eramos 120 seminaristas, e aproximadamente trinta en cada curso. Estudábanse catro cursos de latín, entre outras materias, pero a principal era latín.

Nótase un aumento das visitas nos últimos anos?

Si, dende hai tres anos nótase moitísimo. A xente estase a informar cada vez máis por Internet, aínda que seguen triunfando tamén o boca a boca e as axencias; pero sobre todo triunfa Internet.

 

Durante unha visita.

 

Cree que o santuario está ben sinalizado?

Dende hai ano e medio está bastante ben, xa que se comeza a sinalizar na Rúa e na Gudiña. Sen embargo, na saída da Gudiña, onde comeza a OU-533, retiraron as dúas sinais que había, xa que é competencia do Estado e non da Xunta de Galicia. Solicitouse que as volveran poñer, xa que son moi necesarias, pero o proceso é longo.

Existe algún horario onde os visitantes poidan concertar unha visita guiada?

Dende este mes temos horarios de visita, aínda que eu fago visitas fóra de horario se alguén me chama. As visitas comprenden o Castelo de O Bolo e as Ermitas. Así, pola semana, de mañá (de 11:00 a 14:00 horas) visítase o santuario e pola tarde o castelo (de 16:00 a 20:00 horas), mentres que a fin de semana a orde é a inversa, primeiro o castelo e despois o santuario.

Que lle diría a alguén que non visitara as Ermitas?

Que é un lugar precioso, onde hai un santuario e un vía crucis, os cales son unha das mellores cousas que hai en Galicia. É un patrimonio cultural, arquitectónico e artístico cun gran valor. Ademais, no plano relixioso, é un sitio de oración, de retiro, de espiritualidade, onde os nosos antepasados tiñan tanta fe na Virxe que viñan andando e de xeonllos.

 

Números de contacto e reserva de visitas:

Santuario: 988 32 30 75

José Vega: 649 31 61 66 ou  639 30 00 01

 

Texto: Alba Prada

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button