En portadaÚltima hora

Juan Corzo, cantor e poeta de Celavente (O Bolo), será homenaxeado no Concerto de Aninovo na Catedral de Ourense

Juan Corzo dando o pregón da Ruta dos Fornos de Celavente 2019. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Natural de Celavente, no concello de O Bolo, a Juan Corzo Álvarez sóbralle creatividade literaria, contando entre as súas obras centos de coplas e poemas adicadas aos lugares, persoas, santos e acontecementos que lle son queridos. Ten escrito sobre a súa terra, sobre pobos da contorna como Barxa ou as Ermitas, e tamén sobre canto santo hai no santoral, sendo tamén o pregoeiro da Ruta dos Fornos que cada mes de maio (a excepción destes dous últimos ano por mor da pandemia), se celebra en Celavente.

Unha arte que non lle pasou desapercibida ao director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, que decidía renderlle homenaxe no Concerto de Aninovo que se celebrará na Catedral de San Martiño de Ourense o vindeiro 2 de xaneiro.

Segundo a previsión, o concerto comezará ás 18 horas e contará coa participación de Manuel Rei Olleros; de Tatiana Kostomarova & Mikhail Merzlayakov Kostomarov; de Iria Estévez-Clave de Fado e de Gabi Reboredo; á parte do propio Juan Corzo, cantor e poeta de Celavente que participará “cun cantar de reises moi antigo que me aprendeu a miña avoa María. Tamén presenterei un cantar composto por min á señora que vendía o  leite nun carriño pola cidade de Ourense”, explica o propio Juan.

A actuación, que conta coa colaboración da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada, será retransmitida por videostreaming en https://depourense.seneca.tv/live e XoseLoisFoxoLIVE.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button