Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Juan Díaz Villoslada: “Hai que rearmar o partido para ser fortes contra o PP”

O canditato a Secretario Xeral do PSdeG-PSOE nas primarias do vindeiro 8 de outubro mantivo un encontro coa militancia ourensá na sede provincial do partido en Ourense

O candidato ás Primarias para a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, Juan Díaz Villoslada, mantivo hoxe, 5 de outubro, un encontro coa militancia para achegar a súa candidatura ás vindeiras eleccións do domingo, 8 de outubro. O candidato foi presentado por diversos compañeiros socialistas da provincia que se desfixeron en louvanzas cara ao candidato coruñés. Varias decenas de militantes congregáronse na sede provincia do partido, na rúa Ribeira de Canedo, no barrio ourensán da Ponte.

A primeira en falar de Villoslada foi Carmen Rodríguez Dacosta, secretaria xeral do socialismo local. Dacosta asegurou que á característica que define a este candidato é a “serenidade”. Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, enumerou os tres motivos polos que vai apoiar a candidatura de Villoslada nas Primarias galegas: “Porque eu quero un secretario xeral que estea aliñado con Pedro Sánchez, non quero proxectos personalistas; polo seu proxecto para a provincia de Ourense, porque non se pode repetir o que pasou co noso compañeiro “Nacho” -Ignacio Gómez, alcalde de Ribadavia e presente no acto- que foi defenestrado por pensar diferente; e finalmente por crer na unidade do partido, cousa que non está a acontecer no partido en Ourense”, sentenciou.

A presentación concluíu coa intervención da deputada socialista pola provincia no Congreso, Rocío de Frutos, que aseverou que ía apoiar a Villoslada “por dúas cualidades que eu valoro, a honestidade e a clase”.

Tras iso, o candidato saíu ao escenario e arrancou a súa intervención tendo unhas palabras a favor do seu adversario político na Secretaría Xeral, o vigués Gonzalo Caballero: “Mantivemos un debate elegante nunha canle de televisión porque é importante dar unha imaxe de ser capaces de competir, pero dialecticamente”. E de debate tamén falou dirixíndose á súa compañeira deputada no Parlamento de Galicia, Noela Blanco: “nós debatemos continuamente no Parlamento”.

Villoslada presentouse como o candidato da unidade e do diálogo. Neste senso asegurou que “hai que rearmar o partido para ser fortes contra o PP, non nos equivoquemos de inimigo político”. Juan Díaz Villoslada reiterou que o Goberno de Feijóo na Xunta “ve cunha frivolidade pasmosa os problemas de Galicia como se aquí non pasase nada” e reiterou que a través da unidade dos socialistas “temos que ser quen de trasladar nós eses problemas”.

O candidato á Secretaría Xeral dos socialistas galegos puxo como exemplo de unidade “aos nosos veciños portugueses, que souberon dialogar entre as esquerdas para levar a cabo medidas progresistas sen ir contra as medidas da Unión Europea”. E por iso animou aos socialistas galegos e ourensáns “a recuperar esa posición clara de Socialdemocrácia”.

No eido desas políticas progresistas, tivo un xesto de ánimo cara aos alcaldes: “vós sodes os que levades a cabo as políticas municipais, máis próximas á veciñanza”.

En canto ao día 8 de outubro, Villoslada foi contundente ao dicir que “hai que respectar, con lealdade e disciplina a decisión da militancia, sexa cal sexa”. Neste senso asegurou que esta é a posición que está a ter Pedro Sánchez en Ferraz “e é o pensamento que está a levar a cabo o partido a nivel federal”. O socialista estableceu que a súa intención é que “haxa sinerxías entre Ourense e Santiago e Ourense e Madrid” e reiterou que, a pesar de pertencer a unha federación “nós temos que atender aquí aos nosos problemas específicos como son o despoboamento, ou a dispersión xeográfica”, problemas que reiterou que “só se poden solucionar co autogoberno dentro dunha estrutura federal”. Por este motivo aconsellou á militancia que “se somos fortes en Galicia, seremos fortes a nivel federal”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button