EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Juan Paradelo, modelo con orixes no Barco, participará no certame de Míster Internacional España 2021

Representará á cidade da Coruña no concurso de beleza no que tamén se valora o talento ou a forma física, entre outros aspectos

O modelo coruñés, con orixes en Valdeorras, Juan Paradelo Pérez.

 

A comarca de Valdeorras non deixa de sorprender e cando un menos o espera, coñécese a nova dunha persoa vinculada a esta terra de viño e lousa que destaca nalgún ámbito. Desta volta tócalle o turno á moda, un sector no que se move Juan Paradelo Pérez, un xove modelo con experiencia en pasarela e fotografía que representará á cidade da Coruña no certame Míster Internacional España 2021.

Juan é coruñés pero parte das súas raíces están no Barco de Valdeorras. “A familia por parte do meu pai (Xocas Paradelo) é toda do Barco e de Viloira onde ía veranear e no Nadal, a pasar tempo cos meus avós, a axudar nas viñas,…”, asegura, explicando que chegou ao munda da modelaxe de forma inesperada hai catro anos. “Canto tiña vinte anos acompañei á miña nai ao Centro de Saúde de Ventorrillo e unha das administrativas díxolle que tiña un fillo moi guapo insistindo en que debería levalo a unha axencia”, conta Juan. Parecía que a cousa quedara nunha simple anécdota pero a súa nai quedouse coa copla e dúas semanas despois sorprendeuno dicíndolle que ían visitar un par de axencias. Acabaron na porta de MayVe Models, gustou e alí quedou.

 

Juan ten experiencia en pasarela e fotografía.

 

“Así empezou todo e nesa axencia sigo a día de hoxe”, di Juan, recoñecendo que alí descubriu un mundo completamente distinto ao que imaxinaba. “Ao igual que moita xente, tiña a idea de que as persoas que traballan neste mundo era superficiais pero non é así nin moito menos. Hai xente fantástica e súper completa en todos os ámbitos”, asegura. 

Ademais de formalo como modelo foi a propia axencia á que lle propuxo presentarse ao certame Míster Internacional España xa o ano pasado, aínda que nese momento Juan non estaba preparado. “Vía aos candidatos e non me sentía para competir con eles”, recoñece. Unha decisión que cambiaba de cara á convocatoria deste ano, entre outras cousas ao contactar con el o propio presidente do concurso. “Foi unha motivación extra e pensei, se non o fago agora non o farei nunca así que decidín probar. Penso que é unha experiencia que me pode abrir portas neste mundo que me gusta moito”, di este xove que non deixa de ter os pés na terra. O da moda é un sector no que resulta moi difícil facerse un oco, por iso, aínda que asegura que lle encantaría poder adicarse por completo a el, estase preparando tamén noutra das súas vocacións, a ensinanza.

 

Juan Paradelo nunha foto de Paula Limia.

 

Con respecto ao concurso de Míster España, tamén se está preparando aínda que de momento non sabe cando se celebrará. “Fálase do mes de xullo como posible data pero non hai nada concreto, o único é que se está retrasando o máximo polo tema do Covid”, conta Paradelo, adiantando que non se trata dun certame de beleza ao uso no que elixen aos máis guapo, senón que consta dunha serie de probas e ao final ganará aquel que sexa máis completo no conxunto de todas elas. Hai unha de talento, un desfile, unha posta de traxe rexional, unha proba de redes sociais, outra na que se valora o físico e unha proba enfocada ao deporte. “Intentarei dalo todo, para que sexa unha boa experiencia na que probarme a min mesmo para ver ata onde podo chegar”, conclúe.

 

Artigos relacionados

Back to top button