DeportesFútbolÚltima horaVerín CF

Juanjo Vilachá volve dirixir o equipo técnico do Verín CF, co ascenso como meta

A pretempada inaugurarase o vindeiro 13 de agosto na vila verinense, nun triangular no que tamén participarán a UD Ourense e o Bragança

Presentación do corpo técnico do Verín CF.

 

O equipo técnico do Verín CF para esta tempada “perseguirá o ascenso de categoría”. Así o deixaba claro o presidente do club, Juan Carlos Francisco na presentación que tiña lugar na tarde do mércores 27 de xullo nas dependencias do club de fútbol.

No mesmo acto tamén se anunciou o calendario de pretempada que se inaugurará o vindeiro 13 de agosto na vila verinense, nun triangular no que participará a UD Ourense e o Bragança. Francisco Rivera, na presentación do corpo técnico, reafirmouse no claro obxectivo que fixa a dirección para esta tempada 2022 – 2023, asegurando que “todos sabemos ao que vimos aquí. Este é un club humilde pero que precisa dar pasos cara adiante en prol de acadar a categoría axeitada”. O presidente do Verín CF daba a benvida a Juanjo Vilachá, que por segundo ano consecutivo dirixirá ao vestiario verinense. “Deséxoche toda a sorte do mundo, porque a túa sorte será a nosa. Sabes que estamos facendo as cousas coa mellor vontade posible, que estamos facendo todo o que está nas nosas mans para ter un plantel das máximas garantías e este ano non podemos fallar”, indicou Juan Carlos Francisco.

 

Juanjo Vilachá, adestrador do Verín CF.

 

Pola súa banda Vilachá recolleu perfectamente a mensaxe do presidente e afirmou que “téñoo moi claro, todos sabemos ao que vimos este ano e non podemos escondelo: o ascenso de categoría”. A Vilachá acompañarano, nas labores técnicas, Bernardo Seara Seara -segundo adestrador-, Miguel Varela Vázquez “Michi” -adestrador dos porteiros-, David Vázquez Diéguez -preparador físico- e Roberto Tejero -readaptador-, o único que non acudiu, por motivos profesionais á presentación do staff deportivo.

 

O presidente do club, Juan Carlos Francisco.

Fotos: Verín CF.

Artigos relacionados

Back to top button