SanidadeÚltima hora

Julio Ancochea: “É imprescindible manter activos os servizos que atenden a tuberculose”

Así o destacaba este trivés, presidente de Asomega e da Rede TBS- Stop Epidemias, con motivo da celebración do Día Mundial da Tuberculose

O doutor Julio Ancochea./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O neumólogo trivés Julio Ancochea, presidente da Asociación de Médicos Galegos, está tamén á fronte da Rede contra a Tuberculose e pola Solidariedade (Rede TBS- Stop Epidemias). Neste xoves, nun acto celebrado con motivo do Día Mundial da Tuberculose (24 de marzo), mostrouse tallante respecto a esta patoloxía, sinalando que exise “investimento urxente, recursos, apoio, atención e información”. Estes son, na súa opinión, as claves para facer fronte á enfermidade , tamén en España, e “máis dada a repunta de casos que se espera tras o Covid-19”, dicía.

Para o doutor Ancochea “non hai tempo que perder e é imprescindible manter activos os servizos que atenden a tuberculose, así como abordar as inequidades que fomentan a súa trasmisión. Cada día hai no mundo 4.000 mortes e 30.000 novos casos”, concretaba, datos que sen dúbida converten á tuberculose nun “problema de primeira magnitude”.

No acto celebrado hoxe interviñeron tamén o presidente de NeumoMadrid, Javier García Pérez; Sarai Quirós, responsabe da área de Tuberculose e Infeccións Respiratorias (TIR) da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica ( SEPAR); e o presidente da Fundación da Unidade de Investigación en Tuberculose de Barcelona ( FUITB), Joan Caylà.

Julio Ancochea, Javier García Pérez, Sarai Quirós e Joan Caylà, co logo do Día Mundial da Tuberculose./ Imaxe: Asomega.

Todos eles coincidían en sinalar a necesidade de prestar máis atención a unha enfermidade cuxa abordaxe se viu desprazada polo Covid-19. “Hai como tres ou catro anos que en España non temos informes sobre tuberculoses”, aseguraba Caylà, “e aínda que é certo que existe a percepción dun descenso no número de casos que podería parecer positivo, cabe remarcar que aumentou a gravidade dos mesmos e a mortalidade”, matizaba a doutora Quirós.

A pesar das dificultades, o doutor Javier García Pérez lembraba que “o 85 % dos casos son sensibles aos fármacos orais de primeira liña e poden manexarse cun esquema de 3-4 fármacos durante seis meses”. A nota positiva reside na abordaxe das tuberculoses multirresistentes que estaban a crecer moito nos últimos anos en determinadas zonas xeográficas. “Se ata o de agora necesitabamos para facerlles fronte tratamentos máis tóxicos e con pautas máis longas, de ata dous anos, hoxe dispoñemos da posibilidade de tratalo con novos fármacos que nos permiten pautas máis curtas e mellor toleradas”, explicaba o tamén secretario xeral da Rede TBS Stop Epidemias.

Artigos relacionados

Back to top button