Kepa Junkera, cos Boteiros en Trives

O acordeonista vasco presentará o seu último disco “Galiza” nunha charla-coloquio na Casa da Cultura desta vila o 12 de xuño
Kepa Junkera, actuando en Lisboa en maio./ Foto: Carlos G. Hervella

Kepa Junkera, actuando en Lisboa en maio./ Foto: Carlos G. Hervella

Para ilustrar a portada do seu último disco “Galiza”, Kepa Junkera escollía o simbolismo e a forza das imaxes máis senlleiras do Entroido galego, entre elas as dos Boteiros. Estas máscaras acompañábano na estrea deste traballo a finais do ano pasado en Pontevedra e agora este músico de sona internacional devolveralles a visita nesta vindeira fin de semana. A primeira parada dese percorrido será Trives, o xoves día 12. Alí presentará “Galiza” a través dunha charla ou masterclass (de entrada libre) na Casa da Cultura ás 21h. Ademais tocará acompañado polo trío tradicional de Diego Prieto (gaita), Fran Domínguez (tamboril) e Darío Padrón (bombo) e cos boteiros do Folión Os Labregos. Despois seguirá por Chantada, Monterroso ou Redondela.

“Contarei cómo se fixo Galiza, tocarei, amosarei a txalaparta, a alboca e a pandeireta tal e como a tocamos nós e, ademais, convidarei a músicos desas zonas a tocar comigo. Ao final é un encontro, non é un concerto ao uso. Será unha fin de semana desas que me gustan, cun contacto moi directo coa xente, asinando discos e charlando”. Así o sinalaba nunha entrevista concedida ao Periódico O Sil, xusto antes do concerto que daba en Lisboa o 10 de maio, no marco do IX Festival da Máscara Ibérica.

Junkera concibe o seu último álbume como “unha homenaxe á música de Galicia pero coa aportación dos instrumentos vascos que eu toco e coa miña visión desa música. Claro, eu non toco como un galego, entón para min, dende ese punto de vista, resultaba un proxecto moi ilusionante por ser diferente aos que teño realizado anteriormente na miña traxectoria. Pero si ten un sentido na miña carreira, precisamente porque sempre tentei ser moi esponxa de todo o que teño ido aprendendo”.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel de xuño do Periódico O Sil).

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies