En portadaÚltima hora

Kepa Junkera estreará o seu documental sobre o Entroido tradicional no OUFF

Poderá verse o vindeiro 29 de novembro na gala inaugural do festival de cine de Ourense no Auditorio Municipal da cidade
O músico Kepa Junkera tocando a pandeireta xunto a unha das Mázcaras do Fulión de San Martiño en Manzaneda, durante a rodaxe do documental./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Mar de Terra” é o título do documental no que o músico vasco Kepa Junkera plasma a súa vivencia en primeira persoa dos Entroidos máis ancestrais das provincias de Ourense e de Lugo no 2018. Fai referencia a esa “outra Galicia que ten unha forza incrible, ese mar que tamén chega ó interior”, nas súas propias palabras. Entre Mázcaras, Boteiros, Pantallas, Cigarróns ou Volantes, Junkera transcorre este filme de aproximadamente unha hora de duración cuxa rodaxe remataba en xuño en Vilariño de Conso e Manzaneda.

“Mar de Terra”, dirixida polo realizador ourensán José Antonio Blanco e con música orixinal do propio Kepa Junkera, é un documental que o músico define como “moi persoal” e que xurdiu como froito da amizade e dos lazos que o unen con Galicia dende hai varias décadas, pero de xeito especial, dende a realización do seu disco “Galiza” no 2013.

O documental (de cuxo equipo tamén forman parte Rubén Cao e Javier Torquati Díaz) amosará por exemplo como se viste un Boteiro de Vilariño de Conso, un Peliqueiro de Laza ou unha Pantalla de Xinzo pero con “sinceridade 100%, coma se o protagonista llo contara a un amigo que vai de visita”, explica Kepa Junkera. Tamén poderá verse como toca o bombo co folión de Vilariño de Conso ou como interpreta a pandereita ou a trikititxa mentres danza unha das Mázcaras do Folión de Manzaneda xunto ao sorprendente Castiñeiro de Pombariños.

 

Kepa Junkera tocando o bombo co Folión de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A película, rodada “con moito cariño” e sen guión, supón unha das primeiras incursións de Kepa Junkera diante da cámara. O músico guía ao espectador polas entrañas dos Entroidos ourensáns e lucenses, e mesmo se pon na pel do Oso de Salcedo. Pero tamén, como non podía ser doutro xeito, aporta a música: temas orixinais compostos como homenaxe a unha “cultura poderosa e forte” xunto con outros do seu disco “Galiza” (2013).

A estrea de “Mar de Terra” terá lugar o vindeiro 29 de novembro na gala inaugural do OUFF no Auditorio Municipal de Ourense. Asemade, a organización do festival está a traballar na organización dalgunha actividade paralela relacionada con este documental.

 

Máis información:

Na entrevista con Kepa Junkera publicada na edición en papel de novembro do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close