ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Kepa Junkera une a súa música cos ritmos ancestrais dos folións de Vilariño de Conso e Manzaneda

O coñecido músico vasco remataba no oriente ourensán a rodaxe dunha documental moi persoal sobre o Entroido galego que se presentará en novembro

Tocando a trikitixa, rodeado polo son das esquilas dos Boteiros e polo intenso toque de bombos e gadañas, Kepa Junkera camiñaba xunto ao Folión de Vilariño de Conso nas beiras do río Cenza na tarde do 31 de maio. Era parte da rodaxe dun documental “moi persoal” no que pretende amosar a súa vivencia e experiencia do Entroido galego en lugares ourensáns como Xinzo de Limia, Verín, Laza, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e tamén en Santiago de Arriba e Salcedo, xa na provincia de Lugo.

 

“Vai ser algo moi especial, para min é un orgullo sentirme unha parte deste mundo tan apaixoante, destas tradicións”, confesaba. Ademais agradecía a “xenerosidade dos amigos que me abriron ás portas, como foi aquí Fran, pero tamén aos dos outros lugares, para poder dar esta visión”.

A parte de improvisar melodías coa trikitixa seguindo o ritmo do folión, Junkera mantiña conversas cos veciños sobre esta tradición e sobre a súa forma de vivila. Ademais amosáballes e tocaba para eles outros instrumentos tradicionais vascos como a pandeireta ou a alboka (de vento).

 

Dende Vilariño, Kepa Junkera e o seu equipo trasladábanse ata Manzaneda e, máis en concreto, ata o Castiñeiro de Pombariños. Xunto a el tocaba novamente o seu acordeón ao inspirado, desta volta, polo ritmo das chocas ao bailar dunha Mázcara do Fulión de Manzaneda, Dani. A eles uníanse despois dúas nenas, Xoana e Lidia, que se visten de Mázcara no Entroido.

Sorprendido polas dimensións e o porte do castiñeiro, Junkera non se resistía a tocar no seu interior a alboka nin o acordeón. Despois compartía as melodías da súa trikitixa coas dúas xoves pandereteiras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button