OurenseÚltima hora

La Molinera, niño para o emprendemento xuvenil

A ministra de Emprego en funcións, Fátima Báñez, visita o centro ourensán, que se convertirá nun espazo coworking
A ministra de Traballo en funcións, Fátima Báñez, visitou hoxe La Molinera.
A ministra de Traballo en funcións, Fátima Báñez, visitou hoxe La Molinera.

“España está a vivir unha recuperación social e estanse a multiplicar as oportunidades porque se crea emprego en todas as comunidades autónomas, en todos os sectores económicos e en todos os grupos de idade”. Son palabras da ministra de Emprego en funcións, Fátima Báñez, na súa visita que na xornada de hoxe, luns 13, realizou a Ourense para coñecer de cerca o centro de La Molinera. Estas instalacións serán protagonistas dentro do Plan de Emprego Xuvenil, que se porá en marcha para fomentar o emprendemento de mozos entre 16 e 30 anos de idade. Báñez estivo acompañada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

O Plan de Emprego Xuvenil foi asinado días atrás entre Baltar e Fernando Bayón, director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI). Segundo se estipulou, beneficiará a mozos de até 30 anos nos ámbitos de formación, fomento da contratación e do autoemprego. O convenio entre Deputación e Ministerio de Industria posibilitará o desenvolvemento de actuacións enmarcadas no ámbito do emprego xuvenil como a aceleración de emprendedores, o programa de emprego xuvenil e axudas económicas a empresas para a contratación.

Neste senso, o centro de coñecemento de La Molinera será un dos espazos de coworking que se conciben para emprendedores que estean constituíndo a súa empresa ou estean nunha fase moi temperá de creación (non superior aos seis meses de constitución). O emprendedor recibirá un apoio integral, tanto no que se refire ao espazo de traballo, formación, monitorización de 40 horas, talleres e eventos promocionais durante os cinco meses que estará acelerando o seu proxecto. Esta primeira edición -en total son catro- permitirá impulsar 22 proxectos. Tamén Celanova e Xinzo de Limia contarán con espazos de coworking coma este.

O Plan de Emprego Xuvenil leva asociadas axudas a empresas para a contratación dos mozos formados, cun importe máximo de 5.000 euros por contrato. O montante total das axudas á contratación é de 360.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button