EconomíaEconomíaÚltima hora

La Molinera ofrecerá dúas xornadas de asesoramento a emprendedores

As actividades están enmarcadas dentro da “Semana Europea do Emprendemento”. Ademais diso, este mes ofertan outros obradoiros relacionadas con robótica e informática para cativos e adultos
Jorge Pumar, Daniel Diéguez, Jesús Vázquez e César Pichel.

O Centro de Coñecementos La Molinera, en Ourense, vén de presentar hoxe 7 de febreiro, o seu calendario de actividades previstas para febreiro. A primeira das citas deste calendario é a Semana Europea do Emprendemento, unha iniciativa que conta co apoio da Comisión Europea e de “Startup Europa” e que nesta segunda edición agrupa, do 6 ao 10 de febreiro, un total de 286 eventos repartidos por 40 países do vello continente. Segundo o concelleiro de Proxección Económica, Jorge Pumar, o obxectivo principal é “axudar aos emprendedores a coñecer as ferramentas que teñen á súa disposición no entorno, así como as habilidades que lle poderían ser útiles para o proceso de creación dun negocio”. Segundo o edil, esta iniciativa é moi beneficiosa para os emprendedores e, ao facerse a través de colaboracións, ao concello “suponlle un gasto ínfimo de 500 euros”.

En Ourense, única cidade galega adherida ao programa xunto con Pontevedra, as xornadas levaranse a cabo o xoves 9 e o venres 10 de febreiro. A primeira cita arrancará cara ás dez da mañá cun debate titulado “Nos ayudan”, no que os asistentes poderán preguntarlle a técnicos de institucións públicas, como o Concello, ou privadas, como a CEO ou a Cámara de Comercio, as súas dúbidas e preguntas sobre certos temas relacionados coa materia do emprendemento. Segundo contou Daniel Diéguez, integrante do co-working de La Molinera, o formato “será parecido ao do programa ‘Tengo una pregunta para usted’ de TVE”. Tras iso comezará o “Networking startup”, é dicir, que haberá debates e estableceranse contactos entre os emprendedores, administracións e empresas e a Universidade.

A segunda xornada denomínase “Novas canles para a empregabilidade”, na que se abordarán temas como a marca persoal, o vídeo currículo e o que buscan as empresas dende o punto de vista dos recursos humanos. Todo iso dividido en tres relatorios e un obradoiro práctico de gravación e titorización dunha vídeo presentación.

Pero a oferta de febreiro non remata aquí, xa que La Molinera segue adiante coa iniciativa “Xoves Inpiradores”, que neste mes de febreiro centrarase no uso das redes sociais e no debate con dous obradoiros. O de redes será o 16 de febreiro de 19:00 a 20:30 horas e o de Argumentación e debate será o 23 de febreiro no mesmo horario.

Por outra banda, a “Aula CeMIT” abre o prazo para o “Obradoiro de deseño e impresión 3D”, que será do 2 ao 23 de febreiro todos os martes e xoves de 18:00 a 23:00 horas e para o obradoiro “Creación da túa tenda on-line con PrestaShop”. A isto súmase a programación para cativos co “Obradoiro Educacional: robótica, programación e proxectos dixitais”, que será o 17 de febreiro de 18:30 a 20:3o horas, e está dedicado a rapaces de 10 a 13 anos e o “Obradoiro Crear para pensar”, baseado na aprendizaxe a través do xogo. Este obradoiro está programado do 15 ao 22 de febreiro en horario de 18:00 a 19:15 horas e está dedicado a rapaces de 8 a 11 anos.

Tendo en conta toda esta oferta, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, sinalou que estas son xornadas “de inspiración” para mellorar a comunicación a través das redes sociais ou os xa clásicos obradoiros de alfabetización informática a través da “Aula CeMIT”. O rexedor local sinalou que “logo de dez meses de abrir unha fiestra cara a innovación, a creatividade, e a incorporación das novas tecnoloxías e ferramentas aos servizo dos veciños, La Molinera consolídase como un elemento dinamizador e promotor da creatividade, tanto desde un punto de vista persoal como profesional”, dixo.

Artigos relacionados

Back to top button