OurenseÚltima hora

“La Ratita Presumida” gaña o concurso de escaparates de Nadal de Ourense

O segundo premio foi para a xestoría “Galius” e o terceiro para o “Centro óptica”

O comercio “La ratita presumida”, na rúa da Concordia, gaña o primeiro premio do XXVII Concruso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Cultura en colaboración coa Cámara de Comercio de Ourense. Este primeiro premio consta dun diploma e 800 euros. A parietaria do negocio, María Doval, asegura que non se esperaba recibir devandito galardón. Reitera que “isto foi de pura casualidade e no último momento”. Doval contou que o seu escaparate inspírase na infancia e nos nenos: “somos unha tenda infantil e queríamos transmitir ese espírito de Nadal, que se está perdendo, aos máis cativos”. É por iso que fixeron unha casiña “de chocolate” de xeito artesanal.

Por outra banda, o segundo premio, dotado cunha cantidade de 600 euros, foi parar á asesoría “Galius”, na rúa Cardenal Cisneros. A propietaria, Anabel Gómez, moustrouse moi contenta de recibir esta condecoración “porque é o espírito do Nadal”. A xerente deste negocio asegura que foi a primeira vez que se presentaron ao concurso “aínda que había xente que xa nos dicía que o fixeramos”, comentou. O escaparate desta xestoría simula un parque de atraccións en Nadal e, como dato curioso, Anabel Gómez sinalou que o tío vivo, por exemplo, “é unha peza única da que só hai 50 en todo o mundo e vén dos Estados Unidos”. En canto aos cartos do premio, esta xerente o ten claro: “imos destinalos para mercar máis figuriñas para ampliar o noso parque de atraccións de Nadal”.

Finalmente, o terceiro premio (400€) foi para o Centro óptica, na rúa Doutor Marañón, e o escaparate máis votado, con 134 votos, foi para “Pequeño Salón”, na rúa Arnoia, que recibiu 100 euros.

O Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá esta entrega de premios e os encargados de entregalos foron o alcalde da capital, Jesús Vázquez; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Antonio Villaverde e Rafael Luaña, en representación de hoteis Caldaria. En canto aos aspectos que valorou o xurado á hora de puntuar os escaparates estaban a creatividade e orixinalidade, a combinación de elemento e cores, a iluminación e a composición.

Un total de 78 establecementos participaron no concurso e dende a organización aseguran que a tendencia mantívose con respecto ao outros certames, sendo os comercios téxtiles e os establecementos da zona centro e histórica os máis numerosos. O alcalde, Jesús Vázquez, subliñou a “importancia destas accións que tamén premian o espírito de Nadal e contribúen a facer do comercio loca toda unha referencia nestas datas a nivel galego”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Cámara de Comercio, Antonio Villaverde, sinalou que este ano todos os participantes “fixeron gala dunha grande creatividade e interese por animar as rúas da nosa cidade coa decoración dos seus escaparates nunhas datas tan importantes como é o Nadal”, asemade, agradeceu o seu esforzo a pesar “dos momentos tan complicados que estamos a vivir”.

Ademais dos premios, tamén houbo un sorteo entre os participantes neste concurso de escaparates que consistía nunha noite para dúas persoas nun dos Hoteis e Balnearios de Caldaria, que foi a parar a “Ourenfri”, de reparación e venda de maquinaria de hostaleira situado na avenida de Buenos Aires.

Artigos relacionados

Back to top button