DeportesÚltima hora

“La Vuelta a España” regresará á provincia de Ourense no 2020

O presidente da Deputación de Ourense e o director xeral da proba ciclista reuníronse no Pazo Provincial

Un momento da reunión entte Manuel Baltar e Javier Guillén.

O “Tour de Francia”, o “Giro de Italia” e a “Vuelta a España” son as probas ciclistas máis importantes do mundo e esta última estará novamente na provincia de Ourense, no ano 2020, como xa o fixera en 2016, 2017 e 2018. Así o confirmaba o presidente da Deputación Manuel Baltar, trala reunión no Pazo Provincial co director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, para analizar o que será “un novo éxito de promoción internacional da nosa provincia vencellado ao deporte e ao turismo”, expresou o presidente.

“A reunión de hoxe”, expresou Baltar, “serviu para apuntalar todas estas cuestións, que vislumbran que no ano 2020 teremos unha etapa importante na provincia de Ourense, na que a Ribeira Sacra volverá ter un destacado protagonismo”. Tamén asegurou que estes datos tan positivos no ámbito do turismo para a provincia de Ourense “débense en gran medida á proxección mediática e ao que representa a Vuelta, así como ao seguimento que se fai desta proba ciclista”, con millóns de espectadores e unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas.

 

Javier Guillén e Manuel Baltar.

 

Pola súa banda, o director xeral da Vuelta salientou a “excelente relación da Vuelta coa Deputación de Ourense, e proba diso é que sempre que esta proba ten ocasión de vir a Galicia, unha das paradas obrigatorias é a provincia de Ourense”. Javier Guillén explicou que a presentación da Vuelta 2020 terá lugar o vindeiro 17 de decembro. “Somos uns namorados da Ribeira Sacra e sempre que poidamos trataremos de situala no percorrido, e con elo colaboramos á promoción deste territorio, que ten un grande atractivo deportivo”.

Artigos relacionados

Back to top button