ConcellosÚltima hora

Lanzamento de faroliños voadores solidarios en Trives e visita de Papá Noel

Estará na praza do Pilón o 24 de decembro a partires das catro da tarde
Lanzamento de faroliños no pasado Nadal en Trives./ Foto: Concello da Pobra de Trives.

É un dos momentos máis esperados do Nadal trivés. Trátase dunha fermosa tradición onde as familias de reúnen na Finca da Barreira, na tarde-noite do 23 de decembro para, xa ao escurecer, lanzar unha serie de faroliños solidarios que comezarán a voar para encher o ceo de luces cargadas de desexos.

“A xente poderá obter o seu faroliño por un quilo de comida perecedoira ou 1 euro. A comida recadada será entregada á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Pobra de Trives, colaborando coa campaña de recollida de alimentos Por un Nadal Feliz para todos”, adiantan dende o Concello trivés. Desde a organización tamén se recorda que os asistentes deben levar un chisqueiro para prender o faroliño e, “tras pedir os mellores desexos, deixar que voe ben alto iluminando o ceo de Trives e cumprindo todas as peticións”.

Ademais, Papá Noel xa vén de camiño a Trives desde Laponia, contan dende o Concello. Está previsto que o vindeiro luns 24 de decembro, ás 16h. da tarde este personaxe do Nadal estea na praza do Pilón para recibir a todos os nenos e escoitar as súas peticións. Nesta visita tamén recollerá as cartas e peticións dos cativos que se acheguen ata este céntrico lugar da vila.

A continuación percorrerá as rúas da vila acompañado polos moteiros do Motoclub os Esquíos Trives na súa xa tradicional papanoelada moteira. Ademais este ano acompañarán a Papá Noel os rapaces do Ximnasio Trivesport, agasallando aos asistentes con apertas e baile. Contarán tamén cun posto para vender chocolatada co fin de recadar así fondos para o seu festival de fin de curso.

 

Papá Noel percorrenco Trives no pasado Nadal./ Foto: Concello da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button