ConcellosÚltima hora

Lanzan o primeiro recetario de cociña co pan de Cea como principal ingrediente

A cociñeira Emma Pinal asina as catorce receitas que comprenden a publicación, que sae á rúa con 1.000 exemplares
De esquerda a dereita, María José Reboredo, Ricardo Losada, Emma Pinal, Carlos Rodríguez, Juan Luis Calviño e Nuria González.
De esquerda a dereita, María José Reboredo, Ricardo Losada, Emma Pinal, Carlos Rodríguez, Juan Luis Calviño e Nuria González.

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea presentou esta mañá, 6 de xuño, o primeiro recetario de cociña co tradicional pan como protagonista. 14 receitas que asina a cociñeira Emma Pinal que pretenden enxalzar este producto usándoo como ingrediente principal nos pratos. Sairán á rúa uns 1.000 exemplares nesta primeira tirada.

Na presentación participaron varios representantes do consello regulador, entre eles o presidente do colectivo, Carlos Rodríguez, que explicou que neste libro “o pan de Cea toma a súa máxima expresión e non deixará indiferente aos consumidores”.

Asimesmo acudiu o vicepresidente da entidade, Juan Luis Calviño, o secretario, Ricardo Losada e a vogal María José Reboredo. Tamén estivo presente a representante da Casa Rural O Cruceiro, onde tivo lugar o acto, Nuria González, e a propia chef autora das receitas.

“O recetario é de máxima calidade e con el pretendemos que a xente saiba como aproveitar o noso producto, xa que non só se utiliza para acompañar pratos, senón que tamén pode ser un dos seus ingredientes”, explicou Rodríguez. Avanzou tamén que a publicación estará presente en todas as promocións e feiras nas que estea presente a representación do consello regulador.

Segundo sinalou na súa quenda a cociñeira, as receitas están pensadas “para que se poidan facer na casa”. Tamén indicou que os pratos escollidos -que combinan vangarda con tradición- tamén se elaboran con productos doutras IXP, coma os queixos Arzúa-Ulloa ou o Cebreiro, Ternera Gallega, Mel de Galicia, Grelos ou Mexillón de Galicia.

Muffins de pan de Cea con grelos, xeado de pan de Cea con tomate e xamón, brusquetta de pan de Cea, croque madame son algunhas das propostas máis innovadoras. Pero tamén hai cabida para pratos máis tradicionais coma o pepito de pan de Cea con tenreira, as migas de pan de Cea con secreto caramelizado ou a sopa de Cea.

Artigos relacionados

Back to top button