En portada

Lánzase a campaña “Pon de moda o galego!”

A campaña está promovida polo Barco CCA en colaboración cos centros públicos de ensino do Barco e o de Rubiá
Acto de presentación da campaña "Pon de moda o galego!"./ Foto: Carlos G. Hervella.
Acto de presentación da campaña “Pon de moda o galego!”./ Foto: Carlos G. Hervella.

A lingua toma ás rúas e os escaparates barquenses. Coa campaña “Pon de moda o galego!”, por primeira vez o Barco Centro Comercial Aberto (CCA), en colaboración con colexios e institutos públicos da vila, levará a cabo unha campaña para promocionar o uso deste idioma no marco da celebración do Día das Letras Galegas. Desenvolverase do 11 ao 24 de maio e implicará ao alumnado, profesorado e equipos de dinamización lingüística dos IES Martaguisela e Lauro Olmo, dos CEIPs Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Otero Pedrayo (O Barco), así como o de Rubiá; ademais de aos establecementos asociados ao CCA.

Na campaña despregaranse multitude de actividades entre as que destaca un obradoiro de estampado de camisetas, cuxo motivo é unha palabra en galego, dándolle prioridade ao léxico propio de Valdeorras. Cada centro deseñará as súas e as máis orixinais serán seleccionadas nun concurso e colocaranse nos escaparates duns 32 establecementos barquenses nos días campaña.”Fixemos unhas camisetas ex profesor para cada un deles, tendo en conta o sector, é dicir, no caso dunha óptica a camiseta que se expoña terá unha palabra referida a este tema, no caso dunha tenda de roupa será unha palabra relacionada coa moda”, comentaba María Xosé Fernandez, coordinadora do equipo de normalización lingüística do IES Martaguisela.

Ademais as mellores recibirán un premio que será entregado na sede do CCA. Tamén se prevé a construción dun tendal xigante no Paseo do Malecón o 18 de maio, onde se estenderán estas prendas deseñadas con vocabulario galego. O obxectivo é “promover o coñecemento do galego e promocionar os establecemento do CCA”, comentaba o seu presidente, Ángel Álvarez, no acto de presentación da campaña, que tiña lugar na tarde do 6 de maio na sede desta entidade.

Algunhas das camisetas que se exporán nos establecementos do CCA./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Algunhas das camisetas que se exporán nos establecementos do CCA./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Dende os equipos de normalización lingüística agradecíase o apoio do CCA e a súa “resposta inmediata e efectiva” cando se lles plantexou a iniciativa, “nos puxémoslle imaxinacinación, sobre todo no caso dos rapaces, que son creativos ao máximo e que estamparon nas camisetas palabras en galego”, dicía María Xosé Fernández.

Ademais destacaba a importancia desta colaboración para os centros educativos, xa que “o que pretendemos e que as nosas actividades saian á rúa. Todos gozamos moito preparándoas e facéndoas e esperamos que a cidadanía do Barco tamén goce con elas.

Esta campaña conta co seu propio blog: https://pondemodaogalego.wordpress.com.

Texto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do Especial Letras Galegas 2015 de O Sil).

Artigos relacionados

Back to top button