EconomíaEconomíaÚltima hora

Lánzase a segunda convocatoria do Bono turístico “#QuedamosenGalicia2”

Aloxamentos turísticos regrados, excepto VUTS, e axencias de viaxes que operen en Galicia, poderán sumarse ao programa que, por vez primeira, estará aberto a todos os galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura do prazo e as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico “#QuedamosenGalicia2”. Para esta segunda convocatoria do Bono Turístico poderán volver a adherirse os aloxamentos turísticos regrados, excepto as Vivendas de Uso Turísticos, e as axencias de viaxe que oferten servizos, aloxamentos ou paquetes turísticos en Galicia.

As empresa que cumpran os requisitos e queiran adherirse ao programa, terán que darse de alta a través do espazo profesional habilitado para o sector, Turespazo, desde hoxe e ata o remate do programa, o 15 de decembro, tal e como vén de informar a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

A medida que se adhiran os establecementos, a oferta do programa se irán actualizando no espazo web de Turismo de Galicia, unha vez que as propostas sexan revisadas cun enfoque de calidade e se verifique que cumpren a obrigas no ámbito hixiénico-sanitario, como reforzo da idea de Galicia Destino Seguro

Tal e como explicaba o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, “é unha iniciativa moi ben acollida polo sector coa que queremos seguir apoiando a súa reactivación a través da estimulación do consumo de produtos e servizos turísticos en Galicia”.

Como novidade desta edición cómpre destacar que o bono estará aberto ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo. O prazo para a solicitude por parte dos beneficiarios abrirase nas vindeiras semanas.

Unha das novidades é que haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -150€ abonados pola Xunta e 100€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -225€ abonados pola Xunta e 150€ polos particulares; e o terceiro de 500 euros -300€ pola Xunta e 200 polos particulares. Cada solicitante só se poderá solicitar un único bono por persoa, entre un dos tres tipos, que se resolverá por orde de entrada da solicitude.

Na primeira edición do Bono Turístico, dirixida ao persoal sanitario e sociosanitario, se beneficiaron case 20.000 persoas e se adheriron 560 empresas, a maioría (70%) aloxamentos turísticos.

Abanca será a entidade colaboradora na xestión destas axudas, que se materializarán a través dunhas tarxetas nas que a Xunta asumirá o 60% e os beneficiarios o 40%. A diferencia do ano pasado, as empresas que se adhiran á nova convocatoria non deberán facer ningún desconto sobre as tarifas dos servizos ofertados.

Alfonso Rueda concluíu destacando que “cremos que esta edición vai ter moita aceptación”, e agradeceu o interese demostrado por outras administracións como a Deputación da Coruña e a de Ourense, que coa súa contribución económica ao bono turístico “permitirán que máis persoas poidan beneficiarse do bono e se inxecte máis cartos a un sector que tanto o precisa como o turístico”.

Máis información e detalles da convocatoria:

FICHA RESUMEN_CONCESIÓN BONO TURÍSTICO 2021

Artigos relacionados

Back to top button