ConcellosGalerías de fotosTempo de EntroidosÚltima hora

Lardeiros, lamprea e sardiña en lata, de procesión por Trives

Unha singular procesión percorría a vila de Trives na noite do Mércores de Cinza. Dela formaban parte unha gran sardiña sobre unha lata, seguida dunha enorme lamprea e do Lardeiro e da Lardeira (descolgados tras presidir os días do Entroido na localidade), e dos membros dos catro folións triveses.

Ao fronte da procesión, e oficiándoa, ía un membro do folión A Caniceira, disfrazado de crego. A comitiva ía deténdose en cada un do bares do pobo, momentos nos que o crego aproveitaba para dicir algunhas palabras e mesmo para botar algún cántico en clave satírica. Ademais os bares sacaban bebidas para agasallar aos integrantes do cortexo fúnebre. Entre parada e parada, o crego agradecía ao Periódico O SIL a súa presenza e cobertura do Entroido trivés.

Tras dúas horas de percorrido, alá pola medianoite remataba o traxecto carnavalesco. A sardiña coa súa lata, a lamprea e os Lardeiros acababan no lume, nun ritual que poñía o broche ao Entroido en Trives.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button