ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Larouco adquire un tractor para a roza co fin de previr incendios forestais

Na adquisición desta maquinaria, o Concello conta coa colaboración da Xunta e da Deputación de Ourense

O Concello de Larouco que vén de adquirir un tractor para a roza a través dun convenio asinado coa Consellería do Medio Rural, que será utilizado na prevención de incendios forestais neste municipio. Na adquisición desta maquinaria, este municipio tamén contou coa colaboración da Deputación de Ourense. Segundo o convenio, Medio Rural achega 70.850 euros para a compra do tractor, mentres que a entidade local aportou outros 32.000 euros, financiados polo organismo provincial.

Na mañá do 27 de novembro o alcalde de Larouco, Joaquín Prieto, recibía a visita da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, que, xunto ao deputado de Cooperación da institución provincial, Pablo Pérez, comprobaban que a maquinaria adquirida, un tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo), cumpren as características acordadas no convenio subscrito.

O obxectivo do convenio de colaboración é facilitarlle ao concello de Larouco os traballos de limpeza de matogueira no ámbito das súas competencias. Trátase de manter libre de maleza as infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas municipais.

Outras colaboracións na provincia

Co propósito de colaborar cos concellos da provincia de Ourense na prevención de incendios forestais e financiar a adquisición de maquinaria, a Consellería do Medio Rural asinou outros convenios este verán con Bande, Cartelle, Maceda, A Veiga e Xinzo de Limia, concellos seleccionados de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button