ConcellosEn portadaLaroucoÚltima hora

Larouco estreará a “Ruta dos Lagares e Vía Romana”, o 9 de xullo

Farase unha andaina, de balde, con saída ás 10:30h. dende a Igrexa de Santa María de Larouco

Publicidade
Un dos lagares rupestres de Larouco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na súa aposta por poñer en valor de forma integral o seu valioso e variado patrimonio cultural de diferentes épocas coa súa fonda tradición vitivinícola, o Concello de Larouco vén de crear tres rutas temáticas que permitan a veciñanza e visitantes desfrutar de maneira conxunta destes recursos camiñando.

Así, está previsto que o vindeiro 9 de xullo se inaugure un dos trazados temáticos deste proxecto, trátase da “Ruta dos Lagares e Vía Romana”, duns 6,5 km, de dificultade baixa e unhas 3 horas de duración. O punto de partida desta marcha será a Igrexa de Santa María de Larouco ás 10:30h.

“Trátase dunha ruta circular, accesible para todo o mundo, que pasa por dúas zonas de lagares rupestres descubertos recentemente e que forma parte dunha ruta máis longa, a “Ruta Romana do Viño”, que conecta Larouco con Seadur, duns 14 km. Digamos que esta sería a versión curta que vai polos lagares e por un tramo da antiga Via Nova romana. Ademais estase a traballar noutra versión da ruta, tamén máis curta, dende Seadur a Pena Falcoeira, co que ao final, serán tres itinerarios diferentes”, explican dende Xeitura S. Coop., que está a executar o proxecto destas rutas temáticas.

A ruta do vindeiro 9 de xullo é de balde (se ben hai un xantar nas piscinas que é opcional e ten un custo de 16 euros) e as persoas interesadas en participar tan só teñen que anotarse en celtiatravel.com.

 

Artigos relacionados

Back to top button