ConcellosLaroucoÚltima hora

Larouco intégrase na rede de Pobos Máxicos de España

Panorámica de Larouco./ Foto: A.R.

 

Ademais da beleza urbana e monumental, a asociación nacional Pobos Máxicos de España contempla outros valores como a natureza, a gastronomía ou proxectos de desenvolvemento rural e produtos locais para a súa rede que actualmente integra a 6 municipios galegos, entre eles Larouco, na comarca de Valdeorras.

Larouco é un novo Pobo Máxico de España grazas aos “seus valores paisaxísticos naturais, a singularidade do conxunto urbano e o doutras parroquias do concello como Freixido e Seadur”, explican dende a asociación, engadindo que tamén se tivo en conta a súa gastronomía e festas tradicionais e moi especialmente o viño da D.O. Valdeorras . “Gozar das paisaxes de Larouco, pasear pola rúa de Seadur repleta de adegas escavadas en covas ou contemplar os esgrafiados da Casa Grande de Freixido son algúns dos encantos que ofrece o Concello”, sinala o presidente da asociación, Francisco Martín.

 

Distintivo de Larouco como Pobo Máxico de España.

 

Pobos Máxicos é unha iniciativa impulsada polo Instituto de Desenvolvemento Local e Estudos Sociais IDL, entidade sen ánimo de lucro de ámbito nacional fundada en 1997, que desde a súa fundación participou, colaborado ou impulsado centenares de proxectos no Medio Rural en colaboración con Concellos, Deputacións, Mancomunidades e Grupos de Desenvolvemento Rural en materias de desenvolvemento local, planificación estratéxica, promoción e desenvolvemento turístico.

Francisco Martín apunta que a iniciativa Pobos Máxicos pretende axudar aos municipios a poñer en valor os seus recursos impulsando o desenvolvemento turístico local. “Analizamos cada territorio en base a dez áreas de traballo que inclúen calidade de vida, urbanismo, patrimonio, festas e tradicións, gastronomía e produtos locais, paisaxes, natureza e outros intanxibles que fan que uns pobos sexan únicos, sexan máxicos”, explica, destacando que a inclusión dun pobo na Rede de Pobos Máxicos de España “supón o acceso aos múltiples servizos de promoción e desenvolvemento territorial que esta ofrece e ao uso da marca rexistrada e logo, como distintivo de calidade e singularidade do municipio”.

Artigos relacionados

Back to top button