En portadaÚltima hora

Larouco retorna ao pasado coa IV Concentración de Coches Clásicos

A caravana visitou tamén as localidades de Seadur, Enciñeira, Montefurado, Albaredos e A Rúa

 

O concello de Larouco acolleu un ano máis a concentración de coches clásicos, organizada por Hugo e Óscar Prieto, do club Laroucautos. O evento comezou ás dez da mañá deste domingo, 19 de xullo, na explanada do polideportivo municipal coa exposición de máis de 50 vehículos do século XX, algúns tan populares como o mítico Seat 131 ou a icónica furgoneta Volkswagen. A esta primeira parte da concentración acudiu a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

 

Algúns dos coches ao seu paso pola localidade de Seadur.

 

Ás doce do mediodía, os vehículos acendían os seus motores para iniciar unha caravana ata A Rúa. Percorreron as estradas comarcais visitando a localidade de Seadur, onde espertaron antigos recordos nos veciños, que lembraban aqueles tempos onde ter un Citröen 2 CV “dous cabalos” non era algo inusual.

Continuaron a súa marcha polo concello lucense de Quiroga, visitando ás aldeas de Montefurado, Enciñeira e Os Albaredos. A caravana entrou na Rúa aproximadamente á unha da tarde e detívose no aparcadoiro da estación de autobuses. Alí achegáronse numerosos amantes do motor para ver de preto o medio cento de coches clásicos e para coñecer un pouco máis sobre o seu funcionamento. Tamén estivo presente o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández. Tras unha breve pinchada, ás 14:30h os automóbiles deron unha pequena volta pola localidade para finalizar a concentración no Hotel Espada, onde tivo lugar o xantar.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela xunto co organizador, Óscar Prieto.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández xunto co organizador, Hugo Prieto.

 

En palabras de Hugo Prieto, un dos organizadores, a concentración desenvolveuse con total normalidade. Prieto indicou tamén que en todo momento se cumpriron todas as medidas hixiénico-sanitarias e o distanciamento social.

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button