ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Lazos violetas e cancións, na segunda concentración do Día da Muller no Barco

A praza do Concello do Barco volvía encherse na tarde do 8 de marzo cunha nova concentración polo Día da Muller. Celebrábase tan só sete horas despois da do mediodía e, desta volta, convocada polos sindicatos. Multitude de persoas de diferentes idades sumábase a este acto a prol dos dereitos da muller que comezaba coa lectura das mensaxes dos numerosos lazos violetas que a atleta Eva Arias ía recollendo nunha carreira reivindicativa celebrada tamén nesta mesma tarde nos concellos de Petín, A Rúa e Vilamartín ata chegar ao Barco.

Dábanlle lectura nenos e nenas, pero tamén mozas e ata a propia Eva Arias. Neses textos había referencias á igualdade, á eliminación da publicidade machista e sexista, a continuar a loita en defensa dos dereitos femininos, á liberdade ou ao reparto xusto das tarefas do fogar, entre outras. Estas intervencións concluíaas Eva Arias, agradecendo o apoio e a participación “por estar aquí arroupando esta causa. Viva o 8 de marzo. Vivan as mulleres!”.

De seguido, unha representante dos sindicatos convocantes procedía a dar lectura a un manifesto no que se lembraba como se ía fraguando a organización desta primeira folga feminista do 8 de marzo en Galicia, á que cualificaba de “exitosa”, e a que estaban chamadas as mulleres do rural, da cidade, de todos os sectores e profesións.

Seguidamente, dábase paso á música, cunha serie de cancións reivindicativas e relacionadas con esta xornada dedicada á muller, que asistentes cantaban ao ritmo de batucada. A intensa xornada concluía coa proxección do filme “La batalla de los sexos”, no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última que é cedida.
Máis fotos:
https://www.osil.info/eva-arias-involucra-valdeorras-nunha-carreira-favor-dos-dereitos-da-muller/

Artigos relacionados

Back to top button