CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Lección sobre reciclaxe nos colexios Julio Gurriarán e Condesa de Fenosa do Barco

O baleirado de colectores é unha das actividades incluídas na campaña organizada polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos

O Concello do Barco de Valdeorras continúa co desenvolvemento da campaña de reciclaxe posta en marcha dende as Concellerías de Medio Ambiente e Servizos, co baleirado de colectores do lixo nos patios dos centros educativos da vila, co obxectivo de concienciar aos nenos sobre a importancia da separación correcta dos artigos de refugallo nas casas.

Se o pasado 27 de abril lle tocaba ao colexio Divina Pastora, na mañá do 4 de maio eran os alumnos de Primaria do Julio Gurriarán e do Condesa de Fenosa os que asistían á actividade celebrada no patio. Alí, un máximo de 80 cativos por centro atendían ás explicacións dos técnicos da empresa FCC responsable da recollida de lixo no concello barquense, sobre os artigos que deben ir a cada contedor para contribuír  a unha correcta reciclaxe.

Reciclar, é o terceiro paso da norma das “tres erres ecolóxicas: reducir, reutilizar e reciclar” e no Barco, malia reciclarse moito  segundo a concelleira de Servizos, non se fai moi ben. Polo menos a xulgar polo visto tralo baleirado de dous colectores do lixo verdes no que practicamente non había residuos orgánicos e si moitos doutro tipo como envases de plástico que deben ir ao amarelo, vidro (ao igloo), cartóns (azul) ou xoguetes (punto limpo).

Fotos: Concello do Barco/ Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button