PolíticaÚltima hora

Leiceaga asume a portavocía do grupo socialista no Parlamento galego

O seu nomeamento, logo de ser proposto de forma unánime pola xestora do PSdeG, facíao público a súa presidenta, Pilar Cancela
Imaxe da reunión dos socialistas, presidida por Pilar Cancela.
Imaxe da reunión dos socialistas, presidida por Pilar Cancela.

Despois de ser designado pola dirección do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga vén de asumir a portavocía no grupo parlamentario deste partido. O nomeamento comunicábao na mañá do 17 de outubro, tras unha xuntanza, a presidenta da xestora, Pilar Cancela. De seguido, en rolda de prensa Leiceaga anunciaba cales serán as liñas principais nas que se centrará a acción política dos socialistas galegos na nova lexislatura: o emprego e a economía, a recuperación dos servizos públicos básicos e a defensa dos valores propios da ideoloxía socialista, nomeadamente a igualdade.

O portavoz socialista aseguraba que este grupo político fará na Cámara galega unha oposición “responsable, propositiva e útil para a cidadanía” que ofrecerá toda a “ilusión e entrega” co horizonte de “ampliar o noso espazo político” marcando un “estilo propio” combinando as iniciativas en positivo co obrigado control parlamentario ao goberno. Ademais buscarán, dixo, “confrontar coas políticas do PP buscando influenza para modificalas en favor da cidadanía”.

Adiantaba que os integrantes do grupo parlamentario socialista intensificarán o seu contacto coa sociedade e terán unha presenza constante no territorio para centrarse, xa dende a sesión de investidura, no debate do orzamento para o ano 2017 como primeira tarefa da nova lexislatura.

Xoaquín Fernández Leiceaga, durante a rolda de prensa.
Xoaquín Fernández Leiceaga, durante a rolda de prensa.

Fernández Leiceaga explicaba ademais que na mañá do 17 de outubro constituíase tamén a Permanente do grupo parlamentario integrada por Patricia Vilán e Luis Álvarez como viceportavoces primeiro e segunda, respectivamente, a cabeza de lista por Ourense, Noela Blanco, e Juan Manuel Díaz Villoslada como secretario do grupo. Tamén espera que no novo curso político o acordo entre os grupos minoritarios sexa a norma para consolidar unha tarefa de oposición “con normalidade”. Neste sentido apelaba á “flexibilidade e responsabilidade” xa dende a sesión constitutiva do Parlamento o próximo venres.

Nesta mesma sesión elixiranse os integrantes da Mesa do Parlamento, na que os socialistas proporán a Concepción Burgo como unha dos dous membros que lles debera corresponder escoller á oposición.

Artigos relacionados

Back to top button