PolíticaÚltima hora

Leiceaga visita a D.O. Monterrei para coñecer a situación do viñedo

Na visita a Verín reclamaba que a Xunta que utilice as axudas previstas logo das xeadas que asolaron esta zona

 

Imaxe da visita realizada á sede do CRDO Monterrei.

 

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei recibía na mañá do 12 de maio a visita do portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, e do deputado ourensán, Raúl Fernández Fernández, que estaban asemade acompañados polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e por responsables socialistas do municipio e da comarca. Eran recibidos polo presidente da denominación, José Antonio Da Silva Pereira.

Durante esta visita analizaban as consecuencias das últimas xeadas nos viñedos da D.O. Monterrei e o seu presidente explicáballes a situación que agora mesmo presentan os mesmos, así como as actuacións que se están desenvolvendo por parte de viticultores e adegueiros.

Leiceaga reclamaba que a Xunta que utilice as axudas previstas logo das xeadas que asolaron á Denominación de Orixe Monterrei para deseñar un plan de futuro conxuntamente co Consello Regulador e os representantes de agricultores e adegas.

Ademais destacaba que, ademais das axudas directas para os damnificados por estes danos que lles afectarán nos próximos dous anos, o goberno galego debe aproveitar a difícil situación para “pensar no futuro sen comprometer o traballo de 25 anos para o recoñecemento da calidade do produto no mercado”.

 

Os deputados socialistas, co alcalde de Verín, no exterior do Concello.

Anteriormente, os deputados autonómicos socialistas reuníanse co alcalde de Verín no Concello e tamén mantiñan unha reunión co secretario comarcal de Unións Agrarias, José Ramón González, na sede comarcal deste sindicato na vila verinesa.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button